Cuntis defende na rúa o seu dereito a un servizo de pediatría na vila

Cuntis saíu masivamente á rúa para esixir a reposición do servizo de pediatría que o SERGAS suprimiu, hai xa dous meses, do noso Centro de Saúde. Convocada polos catro grupos que facemos parte da Corporación Municipal, a manifestación do 5-D contou co apoio de BNG e PSOE de Moraña, concello tamén afectado pois o servizo suprimido era compartido entre os dous municipios. A lixeira pero molesta choiva que ameazou durante toda a tarde deu unha tregua durante o percorrido, no que se berraron consignas como “Pediatra Xa” e “Queremos pediatra” ao unísono nas voces das rapazas e dos máis maiores. É unha demanda unánime, interxeracional e que conta cun respaldo masivo. A manifestación culminou no Campo da Feira, onde Diana, unha desas voces máis novas, deu lectura ao manifesto redactado precisamente por elas e eles, os cativos/as afectados/as por este novo recorte.

Veciñanza aposta non só por manter as mobilizacións, senón por incrementalas e levalas á porta da Consellaría de Sanidade, onde seguramente se atopa o Sr. Vázquez Almuíña, ese conselleiro que se nega sistematicamente a atender a reunión solicitada polo conxunto da Corporación Municipal de Cuntis.

Así mesmo, apostamos pola articulación de todas as mobilizacións que se están a dar en concellos afectados polo mesmo problema. Os recortes da Xunta de Galicia causan maior repercusión no rural, en municipios como o de Cuntis, nos que o de pediatría víñase mantendo como un servizo público de proximidade. Veciñanza traballará por artellar a rede e poder ofrecer así unha resposta conxunta fronte aos recortes sanitarios do Partido Popular.

A seguir, transcribimos o manifesto co que culminou a manifestación:

Basta, basta de que a economía estea por riba da Sanidade.

Cansadas de que por ser rapaces, esteamos en segundo plano, de que por ser cativos e dunha pequena vila non poidamos dispoñer dun servizo necesario como é a pediatría.

Moita xente non o ve, pero como nenos e nenas somos os máis perxudicados pola falta deste servizo. Un dereito que antes tiñamos, e do que agora nos queren privar.

Repetiremos e esixiremos todas as veces que faga falta para recuperar o que nos corresponde.

Para evitar que nun futuro os rapaces pasen o que nós estamos a pasar. Que nos traian pediatra non é necesario, é obrigatorio.

Queremos facer un chamamento aos organismos e ás persoas que sexa necesario para solucionar este problema.

Seremos pequenos e pequenas, pero temos voz para esixir o noso.

Share

Tamén pode gustarche...