A mobilización veciñal consegue a reposición do servizo de pediatría en Cuntis e Moraña

A xerencia da área sanitaria de Pontevedra anunciaba este domingo que mañá martes quedaría reposto o servizo de pediatría nos centros de saúde de Cuntis e Moraña. Detrás desta decisión está, sen dúbida, a mobilización veciñal iniciada en Cuntis con concentracións todos os venres diante do centro de saúde e que culminou coa gran manifestación do mércores día 5, na que participaron tamén veciños/as de Moraña.

O xerente da Xestión Integrada de Pontevedra – Salnés anunciara o pasado 29 de novembro nun acto en Moraña que barallaban a reposición deste servizo para o mes de maio, feito que incrementou a indignación entre os/as veciños que valoraron esta data como de corte electoralista. O gran respaldo que obtivo a manifestación do día 5 en Cuntis, as reaccións en redes sociais, o coñecemento de que a escalada de mobilizacións iría en aumento, a constancia de que os grupos da Corporación Municipal de Cuntis estabamos a traballar en máis medidas e a pregunta rexistrada por En Marea para o pleno desta semana do Parlamento de Galicia son as medidas de presión que obrigaron á Xunta de Galicia a recuar nas súas intencións e a repoñer o servizo de pediatría.

O voceiro municipal de Veciñanza, Santi Martínez, valorou moi positivamente “esta vitoria do movemento veciñal de Cuntis que defendeu con determinación un servizo tan básico como é este, cuxa supresión provocou en só dous meses o colapso do servizo en Caldas e que causou enormes dificultades a moitas familias en asuntos tan sensibles como os calendarios de vacinación, etc”. A aposta de Veciñanza pola mobilización dende o primeiro momento fronte aos recortes en sanidade e por unha atención digna no noso centro de saúde “demostrouse acertada, tanto polo respaldo recibido como polos resultados acadados. Con todo, estaremos vixiantes ante as intencións da Xunta de Galicia, que demostra unha incapacidade de xestión e unha improvisación nesta materia realmente preocupantes.

A xestión da Sanidade Pública en Galicia é un caos absoluto, con conflitos e mobilizacións en todos os sectores e en moitísimos puntos do País, con dimisións colectivas de xefes dos centros de saúde de Vigo, con consecuencias fatais nos PACs (como o da Estrada), etc. No pleno do Parlamento de Galicia desta semana, a deputada de En Marea Flora Miranda preguntaralle ao Conselleiro de Sanidade pola xestión da pediatría que provocou o colapso en Cuntis e pola planificación a futuro para evitar colapsos como os que  se están dando en moitos puntos do País (páx. 149 do aquivo da ligazón). Flora Miranda traballou estreitamente con Veciñanza durante toda a crise da xestión pediátrica vivida no noso municipio nos últimos dous meses.

Share

Tamén pode gustarche...