Encontro veciñal aberto: venres 1 de marzo

O horizonte electoral de maio comeza a marcar a axenda política na escala municipal. Se ben o noso compromiso é seguir traballando ata o último día desta lexislatura, consideramos que é momento de valorar os catro anos de presenza institucional e as posibilidades de futuro que Cuntis precisa. Como sempre, Veciñanza ten as portas abertas. A tal fin, convocamos para este venres, día 1 de marzo, un encontro veciñal aberto para compartir reflexións, para escoitar críticas e facer autocrítica, para render contas e para sumar forzas. Ás nove da noite, na Casa da Cultura “Roberto Blanco Torres”, están convocadas todas aquelas persoas interesadas en aportar o seu gran de area nun proxecto de presente con vocación de futuro en Cuntis.

Hai catro anos que asinabamos a ilusión de crer nun futuro posible para o noso municipio. Esgotada a lexislatura, o bipartito que ostentou o Goberno Local dende o ano 2015 non cumpriu as expectativas e caracterizouse en moitos momentos pola súa febleza. Agora toca renovar ese compromiso co futuro, esa implicación por seguir traballando en/por/para Cuntis. A desembocadura das reflexións que compartamos este venres será a creación dun grupo humano serio, rigoroso e capacitado que configurará unha candidatura electoral solvente.

Agardámoste.

Share

Tamén pode gustarche...