O equipo Veciñanza

A asemblea de Veciñanza elixiu o primeiro treito da súa candidatura mediante o proceso de primarias internas que durante o mes de marzo a agrupación veciñal veu desenvolvendo. Trátase dun grupo de mulleres e homes que acompañarán ao candidato, Santi Martínez, no equipo que concorrerá ás eleccións municipais do 26 de maio.

Tal e como xa se fixera público, Santi Martínez volverá encabezar a lista electoral de Veciñanza. O actual voceiro municipal é Técnico Superior en Administración e Finanzas e Máster en Relacións Laborais pola USC. No número 2 repetirá a actual concelleira Saleta Fernández, Enxeñeira Técnica Forestal, mestra en Formación Profesional e actriz de teatro. Fernando Otero ocupará o terceiro posto, técnico informático, activista cultural en múltiples campos, dinamizador e impulsor de iniciativas sempre relacionadas con Cuntis e referente do asociacionismo local. O cuarto posto ocuparao Raquel Arca, técnica especialista en informática de xestión e profesora de Primaria especialista en Audición e Linguaxe. O número 5 da lista é para Roberto Caeiro, terapeuta, especialista en Acupuntura pola USC e posgrao pola Sociedade Médica Chinesa. O sexto lugar da candidatura ocúpao Irene Sánchez, Licenciada en Filoloxía Hispánica e diplomada en Educación Social, Profesora de Secundaria no CIFP A Xunqueira en Pontevedra. O número 7 da candidatura de Veciñanza é para Xavi Cotón, Licenciado en Ciencias Políticas e da Administración pola USC, Máster en Xestión Administrativa e membro do Colexio Oficial de Xestores Administrativos de Galicia, Xerente dunha empresa tecnolóxica con sede en Cuntis e xogador do Atlético de Cuntis.

Trátase dun equipo que combina a xuventude coa experiencia adquirida nestes catro anos de intenso traballo dende a oposición. Veciñanza ten un proxecto definido para a mellora integral do municipio e das condicións de vida das persoas que o habitan. Ademais, traballa xa na elaboración dun programa electoral participativo, no que contan as opinións de diferentes representantes de todos os sectores que dinamizan Cuntis no día a día. Veciñanza preséntase como a alternativa electoral máis sólida e capacitada para liderar un cambio real despois dunha lexislatura que resultou certamente decepcionante e incompleta.

Share

You may also like...