O post – debate

O pasado luns, día 22 de abril, emitiuse en Canal Rías Baixas o debate entre os catro candidatos á Alcaldía de Cuntis no programa Contrastes. Está xa dispoñible nas redes sociais da propia televisión, así como nas de Veciñanza, e en twitter co cancelo #ContrastesCuntis.

Neste post trataremos de complementar o exposto polo noso candidato, Santi Martínez, e aclarar aquelas cuestións que puideran precisar máis explicacións. O debate transcorreu estruturado en tres bloques temáticos, máis un minuto inicial e outro final. Estas tres áreas temáticas eran as seguintes:

  1. Infraestruturas, urbanismo e dotacións de servizos públicos
  2. Economía, emprego, sectores produtivos e turismo
  3. Políticas sociais, demografía, atención ao rural, participación cidadá, transparencia e rexeneración democrática desde os Concellos.

O noso candidato comezou cun breve resumo da lexislatura que remata e facendo alusión expresa ao que consideramos o momento máis relevante destes catro anos: a firmeza e determinación coa que os veciños e veciñas de Cuntis se mobilizaron en defensa da atención sanitaria no noso municipio e máis concretamente do servizo de pediatría no noso Centro de Saúde.

A seguir, facemos resumo do que foron dando de si cada unha das tres partes nas que se estruturou o debate.

Bloque 1

Malia ter dito hai poucos días que se presentaba orgulloso de ter cumprido o 100% do seu programa (nada menos!), tomou a palabra o candidato do PSOE para facer un relato de asuntos pendentes en materia de infraestruturas. Este foi un balanzo certamente máis realista que o exceso de falar dun 100% de cumprimento.

O noso candidato, Santi Martínez, iniciou a súa intervención referíndose a un dos momentos máis graves da lexislatura: a perda dunha subvención da Deputación de Pontevedra por valor dun millón de euros para o impulso do Polígono Industrial da Ran. Como xa temos explicado aquí, o Grupo de Goberno incumpriu as bases da convocatoria do Plan de Reequilibrio Territorial e perdeu esa subvención. Máis adiante detallaremos a manobra dialéctica do candidato do PSOE para tratar de confundir nesta cuestión.

Ademais, reiteramos a renuncia total e absoluta do grupo de goberno a redactar e presentar un PXOM, outra das materias eternamente pendentes en Cuntis. Trátase dunha ferramenta urbanística imprescindible para o desenvolvemento dunha vila como a nosa e pola que moitas familias están a agardar.

O candidato do PP pretendeu xustificar a total inacción do seu partido na lexislatura anterior, sendo igual de responsable que o actual grupo de goberno da parálise tanto do polígono industrial como do PXOM. O novo candidato popular asumiu incomprensiblemente a defensa dunha xestión nefasta que dende Veciñanza vimos denominando “lexislatura sabática” (2011-2015).

Santi Martínez introduciu o problema da mobilidade no casco urbano, máis concretamente no referido ao estacionamento e as súas repercusións no comercio local. Expresou a necesidade de repensar as condicións do casco histórico tanto para dinamizalo como para protexelo.


Bloque 2

No segundo bloque, o que abordaba as cuestións referidas a economía, emprego, sectores produtivos e turismo, Santi Martínez abriu as intervencións referíndose a asuntos que quedaran pendentes do apartado anterior, como a mellora da accesibilidade en espazos e instalacións públicas, o ordenamento do casco urbano ou a humanización dalgunhas rúas que o Alcalde anunciara pero que non pasaron da típica nota de prensa, como por exemplo as rúas da Palma e do Convento.

Santi Martínez

No contido propio deste segundo bloque, o noso candidato puxo sobre a mesa a importancia do sector turístico e o desaproveitado que está o seu potencial. Fixo un repaso das carencias na xestión desta materia e da necesidade de establecer un plan estratéxico que desenvolva obxectivos e pautas a seguir. Explicou que a web turismodecuntis.es, que debera ser o espazo de referencia municipal nesta materia, leva catro anos inactiva; referiuse á carencia ata de folletos informativos actualizados, ao mal estado do paseo das beiras do río Gallo ou á ausencia dunha xestión seria e rigorosa.

Santi Martínez fixo referencia tamén a sectores produtivos como o forestal, e incidiu por suposto no apoio ao sector servizos e ao comercio local. Sinalou a importancia de elaborar un plan de conservación e mantementos do casco urbano para telo impecable.

Ademais, logo dunha desafortunada intervención do candidato do PP, Santi Martínez recriminoulle que fixera referencia á area recreativa da Pontenova, desaparecida a consecuencia do atentado medioambiental do encoro do Umia.

Neste momento do debate, e ante a reiteración a respecto da mala xestión dos recursos dispoñibles por parte do grupo de goberno, o candidato do PSOE tratou de confundir a perda da subvención dun millón de euros do Plan de Reequilibrio Territorial, mesturándoa coa do plan DepoRemse. Explicámolo:

O Grupo de Goberno perdeu o financiamento do Plan de Reequilibrio Territorial por incumprimento das bases (“por cubrir mal os papeis”, como explicou Santi Martínez no debate) e esvaeceuse así a posibilidade de impulsar os proxectos pensados para esa subvención (Viveiro de Empresas na Escola de Meira e Humanización do Vial do Polígono da Ran) pero tamén a oportunidade de adicala a outro investimento. Para sacar adiante esas dúas iniciativas, o Goberno Local destinou o Plan DepoRemse á humanización do vial do Polígono e parte do Plan Concellos á construción do viveiro de empresas na Escola de Meira. Isto supón a perda dunha subvención dun millón de euros pero tamén o ter desaproveitado outras dúas para proxectos distintos. Isto é un exemplo da xestión económica do Goberno Municipal de Cuntis durante esta lexislatura.

Seguindo nos asuntos económicos, era imprescindible facer referencia á actualización das ordenanzas fiscais que Veciñanza vén reclamando dende comezos de lexislatura. Como exemplo, o noso candidato puxo a popularmente coñecida como “ordenanza de terrazas”, que se refire á ocupación do espazo público: no mes de outubro aprobouse inicialmente o trámite, quedando pendente o regulamento que o desenvolvería; o Alcalde comprometeuse a telo a comezos de ano para que puidera entrar en vigor. Estamos no mes de abril e Cuntis continúa sen esta ordenanza. E do mesmo xeito, outras moitas que permanecen obsoletas ou que simplemente non existen.


O terceiro e último bloque abriuse falando de servizos sociais. Malia coincidirmos os catro grupos na necesidade da posta en funcionamento do Centro de Día de Cuntis, Santi Martínez repasou os reiterados anuncios dunha inminente apertura que a día de hoxe aínda non son realidade. Continuando co fío das propostas, reiteramos a necesidade de contar cunha Escola Infantil Pública para a que Veciñanza presentou unha moción que foi aprobada en pleno pero da cal o Alcalde se desentendeu por completo. Fixo tamén referencia á inacción do Goberno Local na defensa da Escola Unitaria de Arcos, a única que queda no municipio.

En materia de demografía, e ante unha realidade debuxada por unha gráfica poboacional descendente, ningunha das tres formacións políticas tradicionais foi capaz de poñer propostas concretas enriba da mesa. Nós defendemos unha aposta por xerar condicións de vida dignas en todas fases, dende o nacemento ata a terceira idade, garantindo servizos como o de pediatría ou implementando políticas de envellecemento activo. Ademais, as axudas á natalidade resultan insuficientes se non van acompañadas de medidas fiscais, dun desenvolvemento urbanístico, industrial e comercial. As políticas demográficas son un conxunto de medidas transversais orientadas a crear condicións de vida que fixen poboación, incluíndo por suposto o rural.

Santi Martínez referiuse tamén ao proxecto inacabado de sinalización dos núcleos rurais, que o Goberno foi incapaz de rematar en catro anos. Ademais, xerou polémica a interpelación que tanto o noso candidato como o do PSOE lle fixeron ao do Partido Popular, instando a que aclarara a que se refiren cando falan de “impulsar a circunvalación de Cuntis”. Santi Martínez incluso lle cedeu parte da súa quenda para que puidese aclarar se estaban a plantexar a recuperación do famoso proxecto da variante de hai varias décadas para sacar o tráfico do centro da vila e por que aldeas o pretendían executar. O candidato do PP foi incapaz de aclarar en que consiste este anuncio da Conselleira de Infraestruturas e rematou falando da urbanización da rúa Bernardo Sagasta, algo do que tampouco pode presumir o Partido Popular de Cuntis.

O último treito do debate serviu para falar de participación veciñal e transparencia. Dúas materias de inacción absoluta e incluso retrocesos nesta lexislatura. Os socios de goberno mesmo chegaron a argumentar que a participación veciñal podía “interferir” ou “distorsionar” o seu proxecto, e foron incapaces de xustificar a supresión dos Orzamentos Participativos, así como chegaron a culpar á secretaria do Concello de Cuntis de que o BNG fose incapaz en catro anos de presentar unha proposta de regulamento de participación veciñal.

Santi Martínez aclarou a nosa defensa inquebrantable da participación veciñal e da transparencia como eixos de goberno. Veciñanza demostrou este compromiso durante esta lexislatura mediante o mantemento actualizado de información nesta web, nos perfís de redes sociais, co envío de boletíns por todos os fogares e gravando os plenos cos nosos propios medios e recursos.

O minuto final do noso candidato adicouno a recordar que, malia gobernar durante os últimos oito anos o concello de Cuntis tanto o PSOE, como o PP e o BNG, seguimos dende hai décadas a debater arredor dos mesmos asuntos e a redactar programas electorais parecidos. Propuxo un impulso da man dun equipo solvente e capacitado, o de Veciñanza, para xerar oportunidades en Cuntis mediante un programa ilusionante e de futuro.

Share

Tamén pode gustarche...