Cuntis, dende todos os puntos de vista

Veciñanza érguese sobre a participación das persoas e sectores máis dinámicos dunha vila, Cuntis, con vida propia e o movemento constante das súas xentes. O contacto permanente con asociacións, entidades, colectivos e grupos que día a día traballan desinteresadamente en/por/para Cuntis fai que a nosa candidatura agrome a partires dun programa electoral enraizado na vida cotiá das nosas xentes.

Durante as últimas semanas, e a fin de elaborar un proxecto participado, Veciñanza vén mantendo reunións constantes con diversos representantes destes colectivos. Conversamos e intercambiamos opinións con persoas da comunidade educativa do colexio público Don Aurelio, con participantes do Consello Local de Igualdade, cun representante do sector da hostalaría local, coa asociación de comerciantes Cucova, con membros do padroado da Fundación Terra Termarum, con emprendedores locais de proxectos novidosos no rural, con representantes do sector do turismo rural, con entidades deportivas, cun experto do sector forestal e da xestión do monte, con profesionais da sanidade e da atención primaria, etc.

Salientamos boa disposición de todas as persoas coas que contactamos e que foron pasando ao longo destas semanas polo noso local da rúa Circunvalación. Foron encontros altamente proveitosos nos que o futuro e o desenvolvemento da nosa vila e das parroquias foi o eixo central das conversas. Falamos de Cuntis dende todos os puntos de vista, e somos a única candidatura que antepón este interese por riba de siglas partidistas. Xurdiron, nestas reunións, novas ideas e proxectos de futuro, tamén autocrítica para seguir medrando e ampliar o proxecto de Veciñanza. Recollemos cada aportación e explicamos cada idea. Falamos da necesidade de defender todas as etapas do ensino público que agora se imparten en Cuntis, falamos de impulsar o Consello Local de Igualdade, de evolucionar as datas festivas de referencia para unha maior repercusión no sector da hostalaría e do comercio, de humanizar o casco histórico para aproveitar o seu atractivo e solucionar os problemas de estacionamento, do futuro da xestión forestal e da procura dun aproveitamento sostible para todo o inmenso potencial forestal co que conta o noso municipio, etc.

En palabras do candidato de Veciñanza, Santi Martínez, “un proxecto como o de Veciñanza só é viable e útil para a xente de Cuntis se conta coa participación e coa implicación tanto de particulares como de entidades que xa están a traballar intensamente por este pobo. Nós falamos de Cuntis e de como deseñar un futuro aquí, e para iso precisamos a implicación da maioría. Polo momento é moi satisfactoria a boa receptividade que estamos a ver cara a nós”.

Share

Tamén pode gustarche...