O noso programa electoral: traballar

A nosa única promesa electoral é o traballo.

Nós non abusamos do engano tan propio da vella política, da promesa chamativa de campaña que despois se queda en linguaxe de artificio.

Velaquí as nosas liñas de actuación, os vieiros polos que entendemos que debe discorrer o desenvolvemento de Cuntis na vindeira lexislatura.

(Ao final deste post tes un vídeo resumo no que sintetizamos as materias a abordar e nesta ligazón podes acceder ao formato de man do noso programa)

  1. Traballaremos para… Impulsar e normalizar a actividade industrial. É preciso desbloquear dunha vez o Polígono Industrial da Ran, buscando o entendemento e os fondos necesarios para culminar o gran proxecto de Cuntis.
  2. Traballaremos para… Aprobar definitivamente un Plan Xeral de Ordenación Urbanística (PXOM) propio, tan necesario para tantas persoas en Cuntis.
  3. Traballaremos para… O desenvolvemento, dinamización e aproveitamento do potencial turístico do noso municipio, mediante a elaboración dun plan estratéxico con obxectivos definidos.
  4. Traballaremos para… Acadar o saneamento completo de todo o rural cuntiense.
  5. Traballaremos para… A actualización das ordenanzas fiscais que permita unha optimización dos recursos dispoñibles.
  6. Traballaremos para… Establecer a máxima colaboración e coordinación co sector do comercio local, incrementado as partidas orzamentarias destinadas á súa dinamización.
  7. Traballaremos para… Elaborar un plan de conservación e mantementos do casco urbano e aproveitar así todo o seu atractivo.
  8. Traballaremos para… A creación e funcionamento estable de mesas sectoriais que faciliten a participación, nas que tomar conxuntamente as decisións que afecten a cada colectivo.
  9. Traballaremos para… Implantar un regulamento de Orzamentos Participativos estable e garantido.
  10. Traballaremos para… Impulsar a práctica deportiva, en colaboración cos clubes e entidades que xa a desenvolven. Implantaremos unha xestión rigorosa das instalacións deportivas municipais.
  11. Traballaremos para… Crear unha área de servizo de autocaravanas, dando cabida así a unha demanda cada vez maior de parte dun tipo de turismo con cada vez máis adeptos/as.
  12. Traballaremos para… Culminar definitivamente a cesión da titularidade do Centro de Saúde á Xunta de Galicia e aforrar así os custes de mantemento que son propios do Goberno Galego.
  13. Traballaremos para… Recuperar o proxecto de Escola Infantil Pública xestionando coa Xunta de Galicia todo o necesario para tal fin.
  14. Traballaremos para… Normalizar a colaboración coa comunidade educativa, atendendo todas as necesidades e poñéndonos a disposición das súas demandas. Defensa e mellora da escola pública, garantindo e esixindo que sexa de calidade.
  15. Traballaremos para… Dotar de utilidade real e dun funcionamento óptimo o Consello Local de Igualdade como órgano de opinión, consulta e participación, baixo a convicción dun feminismo transversal e transformador. Incorporar a perspectiva de xénero en todas as actuacións municipais. Favorecer a conciliación e a corresponsabilidade da vida persoal, laboral e familiar. Mellorar a intervención e atención integral ás mulleres vítimas de violencia machista.
  16. Traballaremos para… Elaborar un regulamento de participación veciñal e de transparencia. Renovaremos as páxinas web oficiais do Concello de Cuntis para actualizar e profesionalizar a presenza do noso municipio en Internet e nas redes sociais.
  17. Traballaremos para… Implementar unha perspectiva ecoloxista na acción de goberno, atendendo ao coidado do noso medio, promovendo a redución do uso de plásticos e buscando un sistema sostible de redución de residuos. Promoción da compostaxe como materia prioritaria.
  18. Traballaremos para… Aplicar iniciativas de formación e inserción laboral, aproveitando ao máximo as capacidades do Centro de Formación Ocupacional da Ran e as súas homologacións. Apostamos por programas que xeren emprego, e para loitar contra a pobreza e a exclusión social.
  19. Traballaremos para… Aplicar iniciativas de aproveitamento sostible dos nosos sectores forestal e agrongandeiro. Poremos en valor a riqueza do noso monte mediante o aproveitamento produtivo, así como o impulso das potencialidades do sector da castaña.
  20. Traballaremos para… O desenvolvemento e impulso da Escola Municipal de Música. Apostaremos polas manifestacións culturais de Cuntis.
  21. Traballaremos para… Implementar medidas destinadas á fixación de poboación no noso concello, procurando a mellora dos servizos e condicións de vida en todas as parroquias, incluíndo a modernización das redes de acceso a internet en todas as aldeas.
  22. Traballaremos para… Mellorar os servizos de asistencia ás persoas con necesidades especiais e promover programas de envellecemento activo para as persoas maiores.
  23. Traballaremos para… A mellora da accesibilidade nos espazos e instalacións públicas. Apostamos por espazos humanizados. Elaboraremos programa municipal de Accesibilidade e Mobilidade en colaboración coas asociacións de diversidade funcional do concello.

Share

You may also like...

1 Response

  1. 22 Maio, 2019

    […] O noso programa electoral: traballar […]