Veciñanza está a realizar durante estas dúas semanas unha campaña electoral pensada a imaxe e semellanza do noso proxecto. Un traballo intenso, cun sorriso e asentado no compromiso dos homes e mulleres que lle adicamos tantas horas do noso tempo a imaxinar o mellor futuro posible para Cuntis.
Temos un programa realista, froito de escoitar a veciños/as de Cuntis e a todos os sectores que xa están a traballar nos distintos ámbitos da sociedade da nosa vila, un programa factible, que non fala de grandes promesas nin converte a campaña electoral nunha feira de ocorrencias. Un programa que nace de coñecer as carencias e as potencialidades logo destes catro anos de traballo municipal dende a oposición.
Tamén está xa dispoñible un novo número do noso boletín informativo, o 11!
Fronte a todas as dificultades, encaramos a recta final orgullosas e convencidas. Satisfeitas de ter percorrido cada kilómetro de Cuntis levando, na man, as nosas propostas. Logo dunha análise rigorosa e dunha diagnose sensata, con mellor equipo que neste maio concorre ás eleccións municipais, chegamos case ao remate desta campaña.
Para o acto de peche temos preparado un encontro festivo, con música en directo e algunha sorpresa. Afastado dos tradicionais e clásicos mitins. Un acto no que prometemos divertirnos e agradecer a todos os veciños e veciñas de Cuntis todas as mostras de cariño e apoio que recibimos nestas dúas semanas.
Non faltes, acompáñanos este venres ás 21:30 no Auditorio Patelas de Cuntis!