O resultado das Eleccións Municipais do 26 de maio arroxou un resultado que lle permitirá gobernar con maioría absoluta ao PSOE durante os próximos catro anos. Acadou 7 concelleiros/as, obtendo o apoio electoral de 1605 veciños/as de Cuntis. É un resultado realmente bo, polo cal xa trasladamos a nosa felicitación ao Partido Socialista da nosa vila e ante o que lle desexamos polo ben de Cuntis os maiores acertos.
Veciñanza consegue manter os 2 representantes, Santi Martínez e Saleta Fernández. Nun contexto de importantes descensos de candidaturas xurdidas en 2015 de semellantes características á nosa, consideramos que resistir ante o impresionante ascenso do PSOE é un resultado a ter en conta. Con todo, non podemos falar de satisfacción posto que as expectativas eran moi distintas, así como os ánimos previos. O inxente traballo tanto destes catro anos como da campaña electoral non se viu recompensado nas urnas, polo que inevitablemente cómpre unha análise en profundidade e unha autocrítica sen panos quentes.
Baixamos de 672 votos a 477, quedándonos nun 16,14% de apoio electoral. Perdemos votos en todas as mesas agás nunha, nalgunhas delas sufrindo importantes retrocesos. Resulta evidente que non fomos capaces de trasladar todo o feito como de presentarnos como unha alternativa de goberno capacitada para traballar no impulso que Cuntis necesita. Fixemos unha campaña electoral moi intensa, chegando a todos os fogares do municipio, fronte a todas as dificultades legais existentes para unha candidatura das nosas condicións, contra as inexplicables dificultades que nos puxo a empresa pública de reparto postal, etc. Despregamos máis
mans que ningunha outra formación das que concorrían en Cuntis e asinamos unha campaña electoral que para nós resultou tremendamente satisfactoria. Con todo, non buscamos desculpas e asumimos que parte das razóns que nos levaron a perder 195 votos débense a erros propios. A autocrítica é para nós un piar sobre o que asentarse e medrar.
A baixada máis espectacular deste 26 M en Cuntis asinouna o Partido Popular. Dos 1286 votos cos que contaba esfarelouse ata os 677, perdendo 3 dos 5 asentos que tiña e ficando en 2 concelleiros/as. En termos xerais, que o PP perdese máis dun 47% de apoio electoral explica en boa medida a maioría absoluta do PSOE, quizais tan sorprendente como inesperada. Se ben o nulo traballo e a nula presenza durante os catro anos de lexislatura seguramente teñan algo que ver na súa caída. Existiu un trasvase de voto entre as dúas forzas políticas máis potentes.
O BNG tamén perdeu apoio electoral, e pasa de formar parte do Goberno a quedar fóra da Corporación.
A nosa campaña electoral rematará nos próximos días coa retirada da cartelería despregada por cada recuncho do noso municipio. Estamos en fase de reflexión e análise dos datos e dos resultados, pero Veciñanza seguirá moi presente durante os próximos catro anos para ser útil en Cuntis. Con maior ou menor apoio, o proxecto atópase plenamente vixente e o novo Goberno terá aquí unha forza leal nos asuntos de interese para o pobo pero fiscalizadora da acción de goberno, controlando e difundindo cada exceso, cada despilfarro e cada erro se estes se producen. Implacables na esixencia e eficaces na axuda.
Comeza unha nova lexislatura en Cuntis, cun escenario distinto, con máis experiencia e na que o noso concello precisa solucións con máis urxencia aínda. Agardemos que a decisión que os veciños e veciñas de Cuntis veñen de tomar sexa proveitosa para a nosa vila.
2 respostas
[…] día 15 tiveron lugar os actos de constitución das novas Corporacións Municipais xurdidas das Eleccións do pasado 26 de maio. En Cuntis o pleno de Investidura celebrouse ás 12 da mañá coa presenza dos veciños e veciñas […]
[…] Coa satisfacción do deber cumprido dende a difícil posición política que nos tocou asumir, exhibindo unha forma de facer oposición pouco habitual (construtiva, ofrecendo ideas, sen poñer trabas e orientados/as sempre a sumar en favor de Cuntis) que sabiamos que politicamente tería riscos, enfrontámonos ao exame electoral de maio con toda a ilusión e a experiencia adquirida nos catro anos anteriores. Cunha candidatura renovada, coa incorporación de novas mans, co traballo por bandeira pero nun contexto político moi distinto, os resultados obtidos non cumpriron as nosas expectativas e cualificámolos, dendo o primeiro moment… […]