Comeza a lexislatura 2019-2023 en Cuntis

O pasado sábado día 15 tiveron lugar os actos de constitución das novas Corporacións Municipais xurdidas das Eleccións do pasado 26 de maio. En Cuntis o pleno de Investidura celebrouse ás 12 da mañá coa presenza dos veciños e veciñas que quixeron estar presentes, como é tradicional, neste acto que supón o comezo dunha nova lexislatura.

Os resultados electorais facían que a incerteza non fose parte do decorado, e o candidato do PSOE e rexedor na anterior lexislatura, Manuel Campos, foi investido de novo Alcalde cos apoios do seu grupo.

Saleta Fernández e Santi Martínez seguirán sendo as nosas referencias no Concello, formando o noso grupo municipal para traballar dende a oposición. As liñas que guiarán a nosa acción institucional durante esta lexislatura seguirán a ser as demostradas ata o de agora: traballo construtivo, alternativas en positivo, transparencia e canalización da participación veciñal. Defenderemos dende a nosa posición o noso proxecto para Cuntis, o programa que obtivo o respaldo de 477 veciños e veciñas. Estaremos alí onde poidamos aportar o necesario para os proxectos de interese para Cuntis e seremos estritos na fiscalización do goberno.

Comeza a nosa segunda lexislatura na vida institucional do noso concello. A vocación de sermos útiles para Cuntis esixe altas doses de responsabilidade e así nos manteremos. As portas do proxecto Veciñanza seguen tan abertas coma sempre para quen queira sumarse e colaborar no traballo que temos por diante. Este espazo na rede, así como os nosos perfís en redes sociais, seguirán a ser fonte de información tanto da nosa actividade como da vida municipal.

Share

Tamén pode gustarche...