Crónica do pleno de organización

O pasado mércores tivo lugar o pleno extraordinario de organización en Cuntis, que tradicionalmente serve para facer efectivo o funcionamento da mesma e, polo tanto, o comezo da lexislatura. Nel quedaron aprobadas a constitución da Xunta de Goberno Local, a composición das Comisións Informativas, o nomeamento de representantes nos distintos órganos nos que a Corporación Municipal terá representación, a constitución dos tres grupos políticos, a fixación dos horarios dos plenos ordinarios e o incremento das dietas por asistencia a órganos municipais.

No tocante á creación da Xunta de Goberno Local, estará composta por catro membros do equipo de Goberno do PSOE. As comisións informativas, que se corresponden coas áreas de goberno, serán as seguintes:

  • COMISIÓN INFORMATIVA ESPECIAL DE CONTAS E FACENDA, PERSOAL, URBANISMO, CONTRATACIÓN, SERVIZOS, MEDIO RURAL, SEGURIDADE CIDADÁ, EMERXENCIAS, PROMOCIÓN ECONÓMICA E EMPREGO.
  • COMISIÓN INFORMATIVA DE CULTURA, DEPORTES E EDUCACIÓN.
  • COMISIÓN INFORMATIVA DE SERVIZOS SOCIAIS, IGUALDADE E XUSTIZA.
  • COMISIÓN INFORMATIVA DE TURISMO, PATRIMONIO E MEDIO AMBIENTE.

No relativo aos nomeamentos, o Alcalde presentou e foi aprobada a seguinte proposta:

  • CONSELLO ESCOLAR MUNICIPAL: María Concepción Campos Fernández.
  • CONSELLOS ESCOLARES NA ESCOLA UNITARIA DE ARCOS DE FURCOS: María Concepción Campos Fernández.
  • PATRONATO FUNDACIÓN TERRA TERMARUM: Un membro de cada grupo municipal
  • ASOCIACIÓN DE MUNICIPIOS TERMAIS: Manuel Campos Velay
  • CONSORCIO GALEGO DE SERVIZOS DE IGUALDADE E BENESTAR: Manuel Campos Velay
  • FONDO GALEGO DE COOPERACIÓN E SOLIDARIEDADE: Manuel Campos Velay
  • GDR 20 Grupo Ulla-Umia Lérez: Titular: Manuel Campos Velay / Substituta: María Concepción Campos Fernández

Os plenos terán lugar o último xoves dos meses impares ás 20:30 horas. Neles estarán os tres grupos políticos formalmente constituídos: PSOE, PP e Veciñanza. Sinalar que o voceiro municipal do noso grupo será de novo Santi Martínez e a nosa representante o Padroado da Fundación Terra Termarum seguirá sendo Saleta Fernández.

Xa por último, e como asunto máis polémico, a primeira imposición do PSOE estreada a súa maioría absoluta: o incremento dos gastos por asistencia a órganos municipais. Queda do seguinte xeito:

  • Asistencia de cada membro ás Xuntas de Goberno Local: pasa de 20 a 60 €, triplicando os custes para os orzamentos municipais.
  • Asistencia a Plenos Municipais: pasa de 30 a 50 €.
  • Asistencia a Comisións Informativas: pasa de 20 a 30 €.
  • Asistencia do/a presidente/a a Comisións Informativas: de 20 a 50 €.

Estes incrementos, que contaron unicamente co voto favorable do PSOE –abstención do PP e voto en contra de Veciñanza- foron criticados polo noso voceiro municipal, Santi Martínez, por considerar que non obedecen a criterio ningún e que, nalgúns casos, resultan certamente abusivos.

Share

Tamén pode gustarche...