Pleno do 1 de agosto e peonalización do Casco Histórico

O pleno do pasado xoves 1 de agosto era a primeira sesión ordinaria desta lexislatura. Compuñan a orde do día tan só asuntos de trámite e dación de conta de varios nomeamentos correspondentes ao goberno e á representación dos grupos políticos nas comisións informativas. Acordouse a proposta do Concello de Cuntis para ocupar a vogalía do Consello Territorial da Propiedade Inmobiliaria da FEMP e tamén a adhesión á Rede Española de Cidades Saudables. Así mesmo, aprobouse coa preceptiva maioría absoluta o nomeamento da Xuíza de Paz de Cuntis, atendendo á única proposta existente.

Na quenda de rogos e preguntas, tan só o noso grupo abordou outros asuntos, que resumimos a seguir. Cómpre sinalar a incomprensible e innecesaria arrogancia coa que o Señor Alcalde contestou a cada cuestión formulada, nunha actitude impropia e que representa claramente que a xestión do éxito electoral deixa moito que desexar en termos de humildade.

  • O decreto 2019/0674 é un Recoñecemento Extraxudicial de Crédito que o Alcalde non levou a Pleno, tal e como entendemos que é preceptivo. Ante o cuestionamento de cal era o criterio para adoptar esta decisión, o Alcalde limitouse a dicir que era unha decisión do Interventor municipal, que non estaba presente no Pleno. O noso voceiro municipal, Santi Martínez, trasladou a cuestión á Secretaria Municipal, que efectivamente avalou o noso criterio de que -entendía que- todo Recoñecemento Extraxudicial de Crédito debe pasar polo Pleno. Ante a ausencia de explicacións e, sobre todo, ante a actitude do Señor Alcalde á hora de contestar, Veciñanza valorará emprender as accións que considere oportunas.

  • Preguntamos tamén pola data de apertura do Centro de Día, que unha vez fóra da propaganda electoral mantense incomprensiblemente fóra de servizo. O Alcalde respondeu aquí que para o vindeiro mes de setembro está prevista a súa posta en servizo.

  • Outra exhibición de arrogancia e falta de respecto político foi a contestación que recibimos ante a pregunta de cando estima o Alcalde que poderá entrar en vigor a Ordenanza de Ocupación do Espazo Público (popularmente coñecida como ordenanza de terrazas), cuxo trámite vai camiño de cumprir un ano. A resposta do Alcalde foi “cando estea rematada”.

  • Santi Martínez instou ao Alcalde a que dese conta no Pleno da noticia coñecida polos medios de comunicación de que o Concello de Cuntis reclabama ante a Consellaría de Industria o recoñecemento dos seus dereitos sobre as augas termais. Aquí o Alcalde explicou que paralelamente ás alegacións presentadas ante o proxecto de construción dun novo balneario por parte da sociedade Termas de Cuntis, o Concello plantexara esta cuestión ante a Xunta de Galicia, que agora deberá ditaminar ao respecto.

  • Xa por último, Santi Martínez lamentou, en nome de Veciñanza, a falta de respecto institucional que o Grupo de Goberno amosaba ao non ternos comunicado previamente aos grupos políticos a adopción dunha decisión de tanto calado como a peonalización (parcial e provisional) do Casco Histórico de Cuntis durante as fins de semana, da que igual que o resto de veciños/as e comerciantes nos enteramos polos medios de comunicación e polas redes sociais.

Santi Martínez explicou que se trata dunha medida que Veciñanza comparte plenamente, pero que a forma de executala deixa moito que desexar. O noso grupo considera que o primeiro paso debera ser a elaboración dun Plan de Mobilidade e a consulta a veciños/as e sectores implicados para a presentación da medida. Se ben é certo que o devandito plan de mobilidade estase a redactar e a recoller achegas, non semella moi comprensible que se adopte unha medida antes do propio ditame deste plan, do mesmo xeito que é mentira que se producira unha consulta ampla como se constata ao comprobar que a inmensa maioría de veciños/as, bares e comercios se enteraban coa publicación do propio bando anunciante. Un bando que presentaba as carencias típicas marca da casa, ditado o día 1 de agosto para entrar en vigor o propio 1 de agosto, sen prazos de aviso previos, sen períodos informativos, executando a medida mediante o típico “bloque de formigon” e sen respectar ningún paso da secuencia que se consideraría lóxica para acometer unha medida tan importante. Era posible adoptar esta medida sen facelo ás présas, con transparencia, cun período informativo suficiente que non deixase dúbidas, etc. Pero o PSOE decidiu facelo “ao seu xeito”.

Malia a torpeza das formas e falta de lealdade do Grupo de Goberno cos grupos da oposición, Veciñanza considera a peonalización do Casco Histórico unha medida necesaria e imprescindible para a conservación dun dos nosos principais atractivos turísticos, o cal precisa agora un plan de rehabilitación e coidado que complemente a súa necesaria humanización. Esta medida estaba presente, con maior ou menor intensidade, nos catro programas electorais que concorreron ás pasadas eleccións municipais, pero pola súa importancia Veciñanza entende que a súa execución debera ir precedida dun debate previo e dun período informativo suficiente. Con todo a peonalización do Casco Histórico de xeito permanente e definitivo (non provisional), informado e con alternativas para a mobilidade debe ser un obxectivo cara o que avanzar e que Veciñanza comparte plenamente. Cuntis ten un conxunto histórico absolutamente privilexiado e as medidas encamiñadas á súa conservación e posta en valor deberan ser adoptadas cun amplo consenso e do xeito máis transparente posible.

Share

You may also like...