Acordo plenario para traballar por unha Escola Infantil Pública en Cuntis

O pasado xoves 26 tivo lugar a sesión ordinario do Pleno Municipal correspondente ao mes de setembro. Nela, foi aprobada por unanimidade a moción presentada por Veciñanza para instar ao Goberno Municipal a iniciar os trámites para a construción dunha escola infantil pública no noso municipio.

O voceiro de Veciñanza, Santi Martínez, instou ao Grupo de Goberno a instalar equipos de gravación audiovisuais no salón de plenos para cumprir unha dobre función: facelos accesibles a todos/as os/as veciños de Cuntis que non poidan asistir ás sesións e facilitar o traballo de redacción de actas e facelas así máis precisas.

Aprobouse, coa abstención de Veciñanza, o establecemento dos festivos locais para o ano 2020, que serán o martes de entroido (25 de febreiro) e o día de San Antón (18 de agosto). Nós, como vimos defendendo ao longo da pasada lexislatura, apostamos porque nestes asunto se faga unha consulta popular aberta a todos os veciños e veciñas de Cuntis.

O Goberno Municipal tamén sacou adiante unha modificación de crédito para transferir fondos para o convenio do Centro de Día que conta cos informes técnicos favorables.

Aprobouse tamén o anexo de subvencións nominativas a entidades e asociacións de Cuntis correspondentes a este ano 2019. Veciñanza abstívose xa que non nos opoñemos a este financiamento, pero seguimos a botar en falta un criterio transparente e igualitario que lle permita concorrer a este tipo de subvencións, en condicións de igualdade, a todos os colectivos de Cuntis que durante o ano traballanda na axenda cultural, artítica, deportiva e de lecer suplindo en moitos casos as carencias do propio Concello. Santi Martínez instou a que se acorden uns criterios transparentes para a concesión de subvencións.

Xurdiu o debate na exposición da nosa moción para o re-aproveitamento das instalacións da recén pechada unitaria de Arcos. Propoñemos estudar a viabilidade de instalar alí unha Escola Infantil Pública da Xunta de Galicia. Polo que supón en aforro de custes, polo entorno natural onde se sitúa e por ser un edificio que vén prestando un servizo en boas condicións, consideramos que esta pode ser unha ubicación idónea para o seu emprazamento. Con todo, e ante as distintas propostas do resto de grupos, Santi Martínez manifestou que a localización non será un impedimento pola nosa parte e Veciñanza apoiará a ubicación que se acorde. Priorizamos que Cuntis poida contar con ese servizo a que sexa unha ou outra a proposta que saia adiante.

Expúxose tamén a moción impulsada polas entidades e colectivos que o pasado 20 de setembro convocaron a #EmerxenciaFeminista. Aínda que foi rexistrada tanto polo noso grupo como polo PSOE, o Partido Popular acabou sumándose tamén ao apoio a esta iniciativa.

Na quenda de rogos e preguntas, a primeira intervención do noso voceiro municipal foi para pedirlle ao Alcalde “flexibilidade”, logo de que este tratara de impedir que a concelleira do Partido Popular intervise, aludindo a que “só os portavoces” podían facelo. Parécenos unha actitude autoritaria e innecesaria, xa que a participación de calquera membro da Corporación enriquece o debate. A seguir, plantexamos as seguintes cuestións:

  • Veciñanza suxire que a peonalización do casco histórico nas fins de semana se consolide e que o faga con medidas claras, que eviten a confusión e que respecten as formas e a parte estética. Entendemos que a colocación de bloques de formigón non é a mellor maneira para informar, sobre todo a visitantes, da restrición do acceso a vehículos. Ademais, esta medida debera ir acompañada de labores de conservación e limpeza do propio casco histórico. Veciñanza tamén preguntou se o Goberno Municipal manexa alternativas ao peche do aparcadoiro provisional que se habilitara na rúa Circunvalación, ao que o Alcalde Campos contestou que non teñen ningunha.
  • Veciñanza volveu preguntar pola situación do expediente do Camiño da Misa, na Louriña. O Goberno Municipal debe inicialo canto antes para a reposición da legalidade e a execución das medidas determinadas ata o de agora nese trámite. Nestes momentos, nada impide que se inicie e se non se fai é unicamente debido á falta de vontade do propio Alcalde de Cuntis. Veciñanza acompaña a reclamación dos/das veciños/as e esíxelle ao rexedor que comece o deslinde (que debe resolver no prazo de tres meses) para que o Pleno Municipal poida aprobalo canto antes.
  • Santi Martínez preguntou pola situación da pasarela de madeira do río Gallo, que se atopa “desmontada” dende antes das eleccións municipais (manobra do PSOE para aparentar o seu arranxo). Malia que o Alcalde asegurara que se procedería á súa reparación durante este ano 2019, a imaxe que presentou durante as semanas de maior afluencia de visitantes foi realmente lamentable. Agora o propio Alcalde asegura que se plantexa a súa supresión, o cal demostra unha improvisación absoluta e un desleixo total coa aparencia estética dun dos entornos máis fermosos e transitados da nosa vila: o paseo do Gallo.
  • Ante a enésima pregunta de Veciñanza a respecto da cesión da titularidade do Centro de Saúde á Xunta de Galicia, o Goberno Municipal do PSOE volveu contestar que non hai avances. Esta é unha mostra da capacidade de xestión nun asunto que leva anos sen resolverse e que supón unha anormalidade no ámbito municipal galego.
  • Por último, o voceiro de Veciñanza volveu preguntar pola tramitación do PXOM: o Goberno Muncipal resolverá o contrato coa empresa contratista, e asegura que volverá licitar un novo. O decreto que o formaliza dá conta da parálise dos gobernos de PP e PSOE dos últimos anos, e informa dun custe de resolución de 5356 euros. Veciñanza esixirá que o Goberno priorice a redacción do Plan Xeral, documento imprescindible para o desenvolvemento de Cuntis.
Share

Tamén pode gustarche...