PP e PSOE de Cuntis levan “tirados” máis de 100.000 euros públicos no contrato de redacción dun PXOM que seguen a prometer

Unha das cuestións polas que nos interesamos no último pleno, ao igual que en moitos anteriores, foi novamente o estado da tramitación do PXOM. É un dos grandes proxectos atrasados de Cuntis e, á vez, unha das eternas promesas de cada campaña electoral. En resposta á nosa  pregunta, o Sr. Alcalde afirmou que decidiran resolver o contrato que o Concello de Cuntis mantiña coa empresa redactora do plan xeral, Oficina de Planeamento S.A. Canto nos custa esta decisión?

O venres 27, ao día seguinte, puidemos comprobar como efectivamente se asinaba o Decreto de Alcaldía ao que facía referencia o Alcalde o día anterior. No propio decreto (2019-0898) faise referencia ao informe de Secretaría, no que se expoñen os feitos que explican que a día de hoxe Cuntis non conte aínda cun documento de ordenación urbanística propio: nin Partido Popular nin Partido Socialista tiveron vontade de levar a pleno o documento inicial que a propia empresa presentara e que contaba xa cos informes favorables da Xunta. No ano 2013 o documento estaba presentado para levar a pleno, pero o Alcalde naquel momento, Antonio Pena, non chegou a incluílo nunca en ningún. Foi unha decisión política e exclusivamente súa. Durante a lexislatura pasada o ÚNICO que consta no expediente é un oficio que non tivo efectos prácticos ningúns.

A resolución deste contrato, tal e como se pode comprobar no Decreto de Alcaldía custaralle aos orzamentos do Concello de Cuntis un total de 5.356,30 € en conceptos de garantía mediante un aval e “aplicación da garantía mediante un seguro”.

Veciñanza, ao ter constancia desta decisión, solicitou consulta ao expediente completo para comprobar o custe total que este contrato (asinado no ano 2004) nos leva suposto aos veciños e veciñas de Cuntis, sen que nin Partido Popular nin Partido Socialista, durante os seus respectivos gobernos, aproveitaran nin un só papel do traballo que a empresa redactora veu realizando. Hai que sinalar que por parte desta entidade os prazos e as entregas fóronse cumprindo escrupulosamente. Foi a inacción do Concello de Cuntis, e máis concretamente dos Alcaldes e Alcaldesa de PP e PSOE o que fixo a día de hoxe se estiveran realizando pagos sen cumprir as condicións do contrato asinado fai xa 15 anos. Puidemos comprobrar que o Concello de Cuntis realizou os seguintes (acompañamos os correspondentes documentos que o acreditan):

Un total de 100.846,49 €, aos habería que sumarlle os 5.356,30 € que custa a resolución. Estamos a falar de que en 15 anos se tiraron 106.202,79 €.

 

A irresponsabilidade do Partido Popular e do Partido Socialista neste asunto fai que non teñan credibilidade ningunha á hora de facer promesas como as que nos teñen acostumados/as. Se finalmente se executa a resolución do contrato, o PSOE deberá convocar de novo un concurso público para a redacción do novo documento, o que implica volver a comezar coa tramitación que a empresa anterior xa presentara, e que debido ao cambio de leis e normativas sectoriais da Xunta de Galicia fai que agora moito dese traballo non sexa aproveitable.

A nosa labor de informar e aplicar os mínimos esixibles de transparencia sobre a tramitación de expedientes tan importantes e de despilfarro do diñeiro público no Concello de Cuntis apóiase na presentación de documentos. Non publicamos absolutamente ningunha información que non se vexa avalada polos correspondentes documentos. E seguiremos, malia que lle moleste a uns ou a outros, a cumprir coa nosa función no seo da Corporación Municipal de Cuntis.

Share

Tamén pode gustarche...