A dura pelexa por unha Atención Primaria digna en Cuntis

As carencias na Atención Primaria no Centro de Saúde de Cuntis, derivadas da xestión precarizadora do SERGAS, non son novas na noso municipio. Xa durante a lexislatura pasada os veciños e veciñas de Cuntis deran un verdadeiro exemplo mobilizándose ante a ameaza da supresión do servizo de pediatría no noso Centro de Saúde. Mentres, o Conselleiro de Sanidade se negaba reiteradamente a recibir aos representantes da Corporación Municipal, o que xa temos cualificado como unha verdadeira falta de respecto tanto aos/ás veciños/as como a nivel institucional aos seus representantes.

A non substitución durante as últimas semanas dunha baixa médica dun dos facultativos que presta servizo en Cuntis motivou as queixas reiteradas dos/das usuarios/as do noso Centro de Saúde. As listas de espera de máis de doce días e a caída do servizo de cita previa por internet xeraron un colapso na atención e nas instalacións certamente impresentable, e que motivou a indignación veciñal. Mediante o consenso das tres forzas políticas con representación municipal, solicitouse unha reunión de urxencia co Xerente da EOXI de Pontevedra e convocouse unha manifestación o pasado 31 de outubro para visibilizar tanto o malestar veciñal como a situación de risco que padecemos ao non dispoñer da prestación sanitaria completa no noso Centro de Saúde.

A reunión entre os voceiros municipais e o Xerente da EOXI, que tivo lugar o día 5 de novembro en Pontevedra, serviu para que lle expuxeramos que as particularidades de Cuntis van máis alá das dificultades xerais da xestión de toda a área da que el é responsable. O avellentamento da poboación e a dispersión fan que Cuntis deba ponderar de maneira distinta á hora de atender as dificultades a respecto doutras poboacións que teñen a menos distancia o seu hospital de referencia. Este é un factor clave, xunto ao colapso que as dificultades en Atención Primaria de Cuntis provocan no PAC de Caldas de Reis. Se ben o Xerente da EOXI non manifestou compromisos concretos máis alá de o de “tentar” cando menos substituír as ausencias para alixeirar as listas de espera, aos dous días o SERGAS facía públicas unhas valoracións nas que acusaba aos representantes municipais de ofrecer unha información “parcial e sesgada. Veciñanza lamenta estas difamacións, que para nada se axustan á realidade, senón que tan só veñen motivadas polo puro electoralismo dos días previos ás eleccións do 10 de novembro. Algo certamente lamentable por parte do SERGAS.

Os tres grupos da Corporación Municipal de Cuntis acordamos facer público un texto en resposta ao ataque da Xunta de Galicia contra nós. PSOE, Partido Popular de Veciñanza rexeitamos esta actitude incendiaria e esta irresponsabilidade manifesta por parte da Consellaría de Sanidade. No mesmo texto tamén acordamos reiterar a solicitude de reunión co Sr. Vázquez Almuíña, Conselleiro de Sanidade, que se nega a recibirnos dende a lexislatura pasada.

O consenso dos tres grupos políticos da Corporación e o inquebrantable apoio veciñal fan que nos manteñamos firmes na loita por unha atención sanitaria digna en Cuntis. Fronte á precarización dos servizos públicos que vén practicando a Xunta de Galicia, especialmente no rural, a determinación dos veciños e veciñas de Cuntis é absolutamente exemplar.

Share

You may also like...