Crónica do pleno do 28 de novembro de 2019

O pleno municipal ordinario correspondente ao mes de novembro de 2019 tivo lugar no día de onte e transcorreu sen novidades salientables, sumido no habitual letargo ao que o goberno do PSOE someteu a vida política municipal.

Por unanimidade aprobouse a desafectación total do antigo edificio dos mestres, ao que se aplicara este procedemento nunha primeira fase e que agora pasa integramente ao dominio municipal. Tamén o conxunto da Corporación aprobou a adhesión de Cuntis ao Pacto Mundial polo Clima, co desexo de Veciñanza, manifestado polo noso voceiro municipal na súa intervención, de que isto non quede só nun xesto simbólico e sirva para a aplicación transversal de políticas comprometidas co noso medio.

Unha vez máis, a única iniciativa real foi a presentada por Veciñanza para solicitar ante o Ministerio de Fomento as compensacións económicas correspondentes para a rehabilitación dos treitos da N640 que co novo trazado pasaron a ter a consideración de travesías urbanas. Trátase dunha moción que insta ao Goberno Municipal á redacción dun proxecto de humanización e posterior solicitude das axudas estipuladas para as zonas da ‘Gasolineira Vella’ e do Pinal, que se atopan en estado de abandono e que poderían ser obxecto de recuperación e aproveitamento mediante a súa integración no casco histórico. A moción foi aprobada por unanimidade.

Na quenda de rogos e preguntas, na que unha vez máis o Partido Popular non interviu, Veciñanza interesouse polos seguintes asuntos. Estas foron as intervencións do noso voceiro municipal Santi Martínez:

  • Fíxose algo a respecto de cumprir o acordado no pleno anterior para a avaliación técnica da ubicación da escola infantil?

O Alcalde contestou que ten previsto licitar o contrato para a busca desta ubicación tal e como se acordou no pleno anterior.

  • Cando se comezará o deslinde do Camiño da Louriña?

Unha vez máis, o Goberno Municipal continúa “dándolle largas” a este asunto e escúsase en que existen outras prioridades antes.

  • Está pensado actualizar algunha ordenanza fiscal proximamente? Cal?

Ante o que o Alcalde respondeu cun NON rotundo.

  • Hai intención para o ano 2020 de sacar a terceira praza de policía local ou se polo menos, como se dixo no seu momento e ao fío das necesidades novas debido á peonalización do casco histórico, ter un auxiliar nos meses de verán como era intención foi pouco máis dun ano?

Nesta cuestión o Alcalde negouse a contestar e remitiunos a unha próxima reunión á que, con motivo da elaboración do orzamento, nos convocará aos grupos políticos.

  • Hai no rexistro de entradas unha carta, con data do 6 do mes pasado, na que se notificaba un “ACUERDO DE SUSPENSIÓN DE EXPEDIENTE DE RENOVACIÓN” da Festa do Lacón con Grelos. A carta daba un mes para presentar escrito de subsanación. Gustaríanos que se explicara aquí en que consiste esta notificación, cales foron os motivos, que se enviou mal, se se remitíu escrito de volta, como está esta tramitación e cales son as consecuencias?

O Alcalde tan só confirmou que o Concello remitira escrito de subsanación pero sen poder confirmar ningunha das restantes cuestións plantexadas a este respecto.

  • Tema Centro de Saúde. Hai un informe da Policía Local. O SERGAS estase a rir descaradamente desta Corporación: o Conselleiro segue negándose a recibirnos, xogan a contestar notas de prensa, hai médicos para Valga e para Cuntis non (aínda que pertenzamos a áreas distintas). Creo que hai que seguir dando pasos, mantendo a unidade dos tres grupos, pero avanzando. Nós xa fixemos a proposta a última vez que tratamos este asunto de elevar o caso á Valedora do Pobo, de maneira simbólica, porque sabemos que a efectividade real é nula (o 40% das queixas que recibe esta institución son referentes á Sanidade).

Acordouse dar de marxe ata o xoves día 5 de decembro, cando se materá outra reunión dos grupos municipais, para agardar unha resposta por parte da Consellaría. O resto de grupos aceptaron a nosa proposta de elevar a queixa á Valedora do Pobo e seguir dando pasos na visibilización da situación.

Share

Tamén pode gustarche...