Pechamos 2019, abrimos 2020

Pechamos un 2019 que supuxo para nós un punto de inflexión por tratarse de ano electoral e de reconfiguración do taboleiro político municipal. O peche da nosa primeira lexislatura na Corporación ofrecía para nós un balance positivo. Cumprimos nela os obxectivos que nos marcabamos ao seu comezo: ser peza útil para a nosa vila. Aportamos traballo, ideas novas, proxectos viables, demostramos capacidade, canalizamos demandas e estivemos sempre onde se nos requiriu.

Coa satisfacción do deber cumprido dende a difícil posición política que nos tocou asumir, exhibindo unha forma de facer oposición pouco habitual (construtiva, ofrecendo ideas, sen poñer trabas e orientados/as sempre a sumar en favor de Cuntis) que sabiamos que politicamente tería riscos, enfrontámonos ao exame electoral de maio con toda a ilusión e a experiencia adquirida nos catro anos anteriores. Cunha candidatura renovada, coa incorporación de novas mans, co traballo por bandeira pero nun contexto político moi distinto, os resultados obtidos non cumpriron as nosas expectativas e cualificámolos, dendo o primeiro momento, como decepcionantes, malia conseguir manter a representación que tiñamos (2 concelleiros/as).

O PSOE obtivo unha inesperada maioría absoluta (aproveitando a dinámica ascendente na que daquela estaba instalado o partido a nivel estatal) á que contribuíron de maneira determinante os afundimentos de PP (que pasou de 5 a 2 concelleiras/os) e BNG (que pasou de gobernar a desaparecer da Corporación), así como as vellas mañas das campañas electorais dos anos 90. Dito isto, asumimos sen reparos a cota de autocrítica que nos corresponde: non puidemos chegar nas condicións que nos gustaría a todos os lugares, nin manter a presenza que desexariamos nas aldeas, non fomos capaces de presentar unha alternativa que conectara coas demandas maioritarias e non conseguimos rentabilizar electoralmente o inxente traballo que realizamos durante toda a lexislatura. Malia isto, a satisfacción de ter realizado unha campaña electoral moi completa e ter presentado un programa honesto e realista quedan para a nosa experiencia.

O comezo da nova lexislatura colocounos, a partires do resultados de maio, nunha posición aínda máis complicada que a que viñamos exercendo. Saleta Fernández e Santi Martínez repiten como as nosas voces e caras nunha oposición que ten que traballar no marco dunha maioría absoluta. O proxecto e a liña política, que dende a perspectiva da autocrítica cumpría revisar, foron ditadas pola asemblea de Veciñanza, como non pode ser doutro xeito. Seguimos crendo nos mesmos valores que ergueron unha candidatura veciñal heteroxénea, plural e coa capacidade que demostrou.

Nestes primeiros meses de lexislatura, o panorama en Cuntis non mudou en exceso. Máis alá de destinar os fondos da Deputación de Pontevedra, o goberno local segue a demostrar as mesmas limitacións que xa tiña, malia ter máis concelleiros/as ca nunca. A súa ocupación é solventar o día a día pero sen a máis mínima intención de revisar as condicións estruturais que poidan cambiar as posibilidades dun proxecto de vida completo en Cuntis. Se ben é certo que a apertura do Centro de Día supón un avance moi notable, despois de dez anos, en materia de servizos sociais, hai moitas outras áreas nas que a parálise e a ineptitude á certamente alarmante. Veciñanza segue a ser a única forza que presenta alternativas, mocións e proxectos distintos nos plenos, que o PSOE reduciu a simples rituais sen pena nin gloria. O goberno local segue a valerse do brutal gasto en publicidade, propaganda e autobombo para enmascarar as súas carencias e o (novo?) PP non aterrou aínda na realidade cuntiense.

O 2020 será para nós o da continuidade no traballo institucional e o de seguir sumando forzas a un proxecto que cremos que Cuntis precisa. Para seguir loitando por unha atención sanitaria digna, para seguir esixindo unhas condicións de futuro aquí (polígono industrial, PXOM, desenvolvemento turístico, escola infantil pública, etc.) e para estar onde se nos precise cada vez que se nos reclame.

Share

Tamén pode gustarche...