Resumo do pleno do 30 de xaneiro de 2020

A sesión ordinaria do pleno de xaneiro, celebrada o xoves día 30, aprobou por unanimidade a creación dunha mesa de traballo para abordar o declive demográfico que padece Cuntis. Foi a partir da moción de Veciñanza que instaba ao grupo de goberno a asumir os datos do INE (nos que Cuntis presenta un comportamento peor que a media) e traballar en medidas que inclúan a opinión de todos os sectores sociais do municipio. Se ben o PSOE propuxo que os traballos fosen iniciados dende o ámbito político para posteriormente abrilos ás diferentes entidades sociais, isto non supuxo impedimento xa que o espírito da iniciativa era integrar os matices para botar a andar o traballo canto antes, e así o explicou o noso voceiro Santi Martínez, que aceptou a proposta feita polo Alcalde.

Foi tamén discutida a moción presentada polo Partido Popular na que se instaba a que o Concello de Cuntis lle reclamase á Deputación de Pontevedra a modificación das bases do programa Pontegal 2020 para permitir que as administracións locais puidesen ter acceso tamén a eses fondos, como acontecía ata agora. O noso voceiro municipal explicou, malia as diferenzas que podemos manter con determinadas políticas da Deputación de Pontevedra, entendemos que o reparto de fondos e a desconcentración de funcións poden ter carácter positivo. Que sexan as entidades sen ánimo de lucro, as organizacións dos eventos culturais, as comisións de festas debidamente formalizadas, etc. as que poidan contratar directamente as actuacións sen ter que pasar necesariamente por intermediario ningún acollémolo como algo positivo. Sinalamos tamén que, malia isto, discrepamos con que nas bases estas exclusións se espallen tamén ás ANPAs, feito que non compartimos e que agardamos que se acabe modificando. O reparto de fondos económicos da Deputación para eventos culturais experimentou notables avances en materia de transparencia nos últimos anos, deixando atrás boa parte das prácticas puramente caciquís que caracterizaron os anos de goberno do Partido Popular, cando menos no referido a esta área. Tanto Veciñanza como PSOE votamos en contra da iniciativa, polo que esta non foi aprobada.

No apartado de rogos e preguntas, a nosa concelleira Saleta Fernández formulou as seguintes cuestións:

  • Como avanza o novo proceso de contratación da redacción do PXOM ou que se está a facer neste sentido?

O Alcalde, como é costume, non quixo concretar a resposta e afirmou “que están mirando que facer” con esta cuestión. Algo que non nos tranquiliza demasiado ante a falta de garantías de que esta sexa unha prioridade para o actual grupo de goberno.

  • Que se fixo para a contratación do estudo para a ubicación da Escola Infantil en Cuntis?

A resposta de novo carece de concreción, e non foi máis alá de que “se contactou” cun técnico para valorar este estudo. Lembremos que este compromiso parte da aprobación da moción de Veciñanza para a construción dunha Escola Infantil Pública e ante a que o Alcalde se comprometeu a valorar cal podería ser a mellor ubicación.

  • Cal é a decisión que finalmente se vai adoptar a respecto das pasarelas de madeira sobre o río?

De novo sen concretar, sen ir máis alá de que “están mirando” que facer cando menos cunha delas. Vai para dous anos que Veciñanza reclamou o arranxo de dous elementos significativos da contorna fluvial do río Gallo no centro da vila. Para o grupo de goberno, a imaxe que presentan non representa urxencia ningunha, malia anunciar a súa reparación na campaña electoral do ano pasado.

  • A empresa redactora do Plan de Mobilidade entregou o seu traballo. Gustaríanos saber que valoración se fai e cales son as medidas que se van adoptar a partir del?

Nesta cuestión o Alcalde afirmou que se enviou para a corrección dalgúns erros que contiña o documento e que será levado a pleno para a súa aprobación.

  • Estase executando a ordenanza que regula as cortas de madeira e a conservación dos camiños nos traballos forestais?

O Alcalde afirmou que efectivamente se está a aplicar e que se comproba que estes traballos discorran sen maiores afectacións.

  • Segue en funcionamento o Consello Local de Igualdade? Este consello non se convocou durante todo o ano 2019 e está sen renovar a súa composición logo da conformación da nova Corporación.

A concelleira Conchi Campos contestou que está pendente de convocatoria e da correspondente renovación e que se fará proximamente.

Share

Tamén pode gustarche...