O exercicio 2018: un reflexo da xestión económica en Cuntis

O PSOE ditaminou favorablemente na Comisión de Contas do pasado 19 de febreiro, en solitario e malia as irregularidades que sinala o informe de Intervención Municipal, a Conta Xeral do ano 2018 (que se prevé que será aprobada nos próximos días, fóra de prazo). Un documento que deixa en evidencia as deficiencias da xestión económica do grupo de Goberno do PSOE de Cuntis. A seguir, pasamos a resumir as principais conclusións.

Para comezar é preciso sinalar o contexto no que se atopa o documento económico que analizamos. Durante o ano 2018, o Grupo de Goberno (naquel momento bipartito PSOE-BNG) gastou en pubicidades, propagandas e autobombos variados a escandalosa cantidade de 49.034’20 €, pagados a empresas e medios de comunicación local. Un reconto que tivemos que facer en Veciñanza logo de que o Goberno Municipal nos negara o informe solicitado a respecto desta cuestión. Só no ano 2018, case cincuenta mil euros de gasto en empresas editoras e medios de comunicación, ao tempo que a xestión da comunicación propia, redes e web resultaba certamente lamentable.

O Goberno Municipal de Cuntis aprobará en solitario a Conta Xeral correspondente ao exercicio de 2018 malia presentar múltiples irregularidades. Así o evidencia o informe de Intervención, que deixa ao descuberto as deficiencias da xestión económica do PSOE. Sen necesidade de ningún tipo de interpretación política, unha simple lectura ao devandito informe aclara os seguintes aspectos:

  • A conta xeral preséntase fóra de prazo, posto que segundo o Modelo de Contabilidade Pública do Ministerio de Hacienda, esta debe presentarse antes do 1 de outubro do ano seguinte ao exercicio que corresponde (neste caso, debera ser antes do mes de outubro do pasado 2019).
  • Recóllese unha fianza de 2448 € mal contabilizada.
  • A Conta do Resultado Económico-Patrimonial presenta PERDAS por importe de 153.715,36 €.
  • O informe de Intervención confirma que a xestión económica do Concello resulta INSUFICIENTE para afrontar investimentos. A pesar desta realidade, vemos como o Goberno Municipal abusa da propaganda para ‘vender’ investimentos que en realidade son doutras administracións. A isto hai que engadir a incapacidade do propio PSOE para actualizar as ordenanzas fiscais que regulan esta xestión económica, deixando mesmo sen cumprir algúns proxectos xa iniciados como o de regulación da ocupación do espazo público.
  • A Conta Xeral incorpora un total de 65 levantamentos de reparos de Intervención, o que significan resolucións ditadas polo propio Alcalde contra informes que advirten en moitos casos de irregularidades na fiscalización ou no proceso de contratación. Ao igual que durante o anterior goberno local do Partido Popular a Lei de Contratos do Sector Públicos infrínxese con demasiada frecuencia. Este tipo de actuacións convertéronse no procedemento habitual na xestión económica do Goberno do PSOE.
  • Por último, o Informe da Intervención Municipal advirte de que a xestión económica do actual Goberno Municipal, reflexada nesta Conta Xeral, provocará incidencias na fiscalización do Tribunal de Contas, o que podería chegar a provocar que o noso Concello vise como se lle bloquea o acceso a subvencións públicas.

Traducido isto a linguaxe máis accesible: o PSOE abusou en 2018 de gasto público en vistas das Eleccións Municipais de 2019, imputando gastos a subvencións de anos posteriores. Isto é un descarado uso partidista de recursos e fondos públicos. Non cabe outra conclusión máis que a de valorar como moi negativa a xestión económica do PSOE que suma xa case cinco anos gobernando en Cuntis. O Goberno Municipal limítase a ser unha unidade propagandística que xestiona exclusivamente fondos doutras administracións, sen capacidade propia para o investimento, e agora ata a facultade de percibir axudas queda posta en risco á vista desta nefasta Conta Xeral correspondente a 2018. Se a isto lle engadimos a experiencia do PSOE en perder subvencións por incumprir as convocatorias, o resultado é certamente preocupante.

A poucos días de rematar o mes de febreiro, o Goberno Municipal do PSOE non foi aínda capaz nin tan sequera de presentar unha proposta de Orzamentos para o ano 2020, malia contar cunha maioría absoluta e con máis concelleiros/as ca ningún goberno dos anteriores. As consecuencias dunha xestión tan nefasta van moito máis alá da disputa política diaria ou da valoración que poidamos facer os grupos da oposición, senón que inciden directamente nas posibilidades de futuro de Cuntis

Share

Tamén pode gustarche...

2 respostas

  1. 29 Maio, 2020

    […] seguir, debateuse o peche da Conta Xeral de 2018, que nós xa temos analizado nesta web (pica nesta ligazón para acce… e que o noso voceiro municipal expuxo de novo a gravidade da situación que este documento […]

  2. 16 Novembro, 2020

    […] A Conta Xeral de 2018, aprobada unicamente cos votos do PSOE, contiña un total de 65 reparos de intervención. […]