#QuedaNaCasa

Vivimos días moi difíciles. A alerta sanitaria provocada pola expansión mundial do Covid-19, o coronavirus, que motivou o decreto do Estado de Alarma no Estado Español hai xa unha semana, supón restricións que cambiaron por completo as nosas vidas. O confinamento domiciliario e o peche de comercios e establecementos non considerados de primeira necesidade como medida para atallar o contaxio do coronavirus, así como o incremento dos infectados fannos vivir unha situación extremadamente delicada e difícil de adiviñar hai só unhas semanas. As autoridades sanitarias levan días facendo recomendacións e aplicando medidas, a loita contra a epidemia é a única prioridade das institucións e de toda a sociedade nestes momentos.

Son días nos que estamos a comprobar, máis de preto ca nunca, a importancia do sistema sanitario público e as consecuencias de anos de deterioro debido ás políticas de recortes que padeceu. Son días nos que estamos a comprobar a vital importancia dos e das profesionais sanitarios, así como do resto de traballadores/as públicos e de todos e todas aquelas que manteñen a súa actividade en servizos básicos: alimentación, farmacia, repoñedores, etc. Son días nos que estamos a comprobar o sentido da palabra COMUNIDADE e a importancia da solidariedade para coidármonos entre todos e todas.

Son días de expresar o noso máis sincero recoñecemento con todos eles e elas, o noso fondo orgullo e o noso máximo recoñecemento.

Dende a nosa humilde posición puxémonos ao servizo do Concello de Cuntis dende o primeiro minuto, como así lle trasladamos ao Alcalde no momento no que se comezaron a adoptar medidas. Non é o momento de críticas, senón de axudar con propostas e facelo dende a discreción, como así o vimos practicando. Sabemos que todas e cada unha das persoas que nestes momentos teñen responsabilidades de xestión a nivel local están a dar o mellor de sí mesmas cun único obxectivo, que é o obxectivo común: frear a expansión do coronavirus, executar as instrucións de instancias superiores e informar coa maior precisión posible.

Facemos un chamamento a comportarnos responsablemente, invocar o valor da comunidade e cumprir estritamente as normas que imos recibindo. Debemos facer un uso adecuado dos servizos sanitarios para evitar o seu colapso; respectar as normas de convivencia social se temos que, de maneira inescusable, saír do noso domicilio; atender as recomendacións de hixiene tanto no plano persoal como no colectivo; informarnos por canles oficias e non difundir mensaxes que non estean contrastadas para evitar a confusión. Nas nosas redes sociais estamos contribuíndo diariamente a difundir aquela información de servizo e interese público que nos vai chegando, en coordinación co Concello de Cuntis. Superarémolo e sairemos máis fortes.


Ligazóns a organismos oficiais:

Share

Tamén pode gustarche...