Cinco anos de andaina

Cúmprense, hoxe, cinco anos da andaina institucional de Veciñanza. O 24 de maio de 2015 tiñan lugar as eleccións municipais que deron como resultado a irrupción da nosa candidatura na Corporación Municipal. Saleta Fernández e Santi Martínez resultaban elixidos para levar a voz da candidatura municipalista de Cuntis ao concello. Terceira forza, obtendo un 22’36% de votos e a tan só 70 do PSOE, o que podería supoñer ostentar a alcaldía. Finalmente, as semanas posteriores deron como resultado un bipartito entre socialistas e BNG, co noso apoio á investidura para desaloxar ao PP do Goberno e traballando dende a oposición.

Neste percorrido, que ve cumprir os seu primeiro lustro de vida, foron moitas cousas as que mudaron. O proxecto consolidouse, o traballo da primeira lexislatura foi intenso, Veciñanza experimentou unha rexeneración importante e o contexto político mudou de maneira ostensible. O resultado das eleccións de 2019 non foi o agardado, malia o inxente compromiso das persoas que o fixeron posible. Malia iso, manter dous/dúas concelleiros/as ante un ascenso tan importante do PSOE non pode considerarse máis que como un xeito de resistir nun momento moi complicado. Isto non agocha a autocrítica que facemos e sempre fixemos, cometemos erros como calquera e penalízannos notablemente.

Na nosa segunda lexislatura, e malia que o contexto mudou radicalmente, o sentido da responsabilidade e a implicación permanente seguen a guiar o noso traballo. O proxecto de Veciñanza está plenamente vixente e demóstrase necesario. Nestes momentos, nos que atravesamos unha situación de excepcionalidade, decidir ser parte da solución e non do problema é unha decisión que nos caracteriza. O traballo local para a transformación global segue a orientar os nosos pasos.

Share

Tamén pode gustarche...