Pleno do 28 de maio de 2020: o Goberno Municipal valida unha xestión económica nefasta

No día de onte, xoves 28, tivo lugar o primeiro pleno dende que a mediados do pasado mes de marzo se paralizara a actividade ordinaria por mor do Estado de Alarma decretado a causa da alerta sanitaria da Covid-19. Foi unha sesión que se desenvolveu sen público asistente e mantendo as medidas de distanciamento pertinentes entre os/as concelleiros/as dos tres grupos. Antes de comezar a sesión, gardouse un minuto de silencio en memoria das vítimas desta crise.

Cómpre sinalar que nesta lexislatura, a maioría absoluta do PSOE relegou as operacións de contratación á Xunta de Goberno, facendo unha delegación das competencias do Pleno que traslada estas decisión a un ámbito no que a oposición non participa. É certo que os expedientes se seguen a ditaminar nas Comisións Informativas, pero é unha decisión (adoptada xa ao comezo da lexislatura) que non vai na liña da transparencia que os procedementos de contratación pública recomendan.

A orde do día deste pleno limitábase, ademais dos trámites de aprobación das actas das sesións anteriores, ás aprobacións dun expediente de Recoñecemento Extraxudicial de Crédito e á aprobación da Conta Xeral de 2018, que fora tratada na Comisión Informativa do 19 de febreiro e posta a exposición pública ata o día de onte.

A respecto do expediente de recoñecemento extraxudicial de crédito, o noso voceiro, Santi Martínez, expuxo que “na Xunta de Portavoces de fai tres semanas, nós propuxemos como unha das medidas urxentes para afrontar a crise económica derivada da alerta sanitaria do coronavirus tiña que ser o pago inmediato de facturas pendentes, para dotar de liquidez a provedores locais. Aquí temos 163 facturas, por importe de máis de 177.000 euros, dos cales, 6.029’80 pertencen a 2017; 18.045’23 a 2018; 150.793’37 a 2019 e só 2.568’89 corresponden a 2020”. A seguir citou algúns fragmentos do propio informe da Intervención Municipal, que confirma a xestión económica deste Goberno vén sendo máis que deficiente xa dende a lexislatura pasada: “Nos exercicios 2017-2018-2019, realizáronse unha serie de servizos e subministracións por diversos provedores, sen fiscalizarse previamente os actos que dan lugar ao recoñecemento das obrigacións derivadas de tales prestacións e, por iso, prescindindo do procedemento legalmente establecido. (…) o importe dos créditos dispoñibles para atender os gastos do presente exercicio verase reducido de tal xeito que dará lugar a que o crédito dispoñible sexa insuficiente para dar cobertura os gastos correntes do exercicio 2020 e provocará a necesidade de tramitar no exercicio seguinte un expediente similar ao que agora é obxecto de tramitación, salvo que o ben se aprobe o Orzamento Xeral do Exercicio 2020, con unhas dotacións a maiores nas aplicacións correspondentes das cantidades exactas que se recoñezan mediante recoñecemento extraxudicial ou ben, no caso de continuar co Orzamento prorrogado, se tramite un expediente de modificación de créditos que inclúa as cantidades recollidas no recoñecemento extraxudicial. (…) Sería conveniente que con carácter previo á adquisición de compromisos de gasto se solicitase a correspondente retención de crédito tal e como sinalan as bases de execución”.

Na súa intervención, o voceiro de Veciñanza recordoulle ao Alcalde Manuel Campos que está sistematizando os mesmos procedementos na xestión económica que tanto criticaba cando el mesmo era voceiro da oposición:
“O problema co que aquí nos atopamos é que, o recoñecemento extraxudicial de crédito, que é unha figura que debera ser excepcional, converteuse nunha maneira de facer as cousas, no procedemento habitual de usar e abusar dos fondos públicos neste concello. Pero ademais, e sei que me repito, ao contrario da idea que se acordara na Xunta de Voceiros á que me refería ao comezo, aquí preséntasenos unha saca con facturas de todo tipo, de moi diversa natureza. E esta é unha maneira moi pouco ética de facer as cousas por parte do goberno. Pouco ética porque é unha das súas principais queixas cando era oposición, e unha das súas recriminacións máis habituais ao goberno do PP. A coherencia entre o que se di sendo oposición e o que se fai sendo goberno non é unha cuestión técnica. Cando na anterior lexislatura preguntamos a que se debía esta maneira de facer, díxosenos que era unha ‘cuestión de comodidade’. Aquí hai facturas que, pola súa natureza e pola situación que atravesamos, son urxentes para o propósito no que todos coincidimos. Pero hai outras, que pola súa irregularidade, dende logo non poden contar coa nosa aprobación, por moito que o noso voto sexa simbólico durante esta lexislatura, sabémolo. A integridade non sempre é unha cuestión aritmética. Este é un argumento que vostede, Sr. Alcalde, empregou na súa función de voceiro da oposición. Agosto de 2014. Recoñecemento extraxudicial de crédito que contiña unha factura a unha empresa de construción que dotara de servizos a reforma do campo de fútbol da Ran, proxecto ao que o PSOE se opuña. Vostede expresouse en termos moi semellantes aos que eu me estou expresando agora. E vostede leva cinco anos como Alcalde. Aquí hai facturas de servizos que se prestan sen que medie vinculación, que se fan de palabra, xa falamos dalgún caso concreto na comisión. E ninguén nega que haxa que pagar polos servizos prestados, pero se non se pon data de remate vaise eternizar unha situación irregular. Un dos primeiros asuntos que vostede tiña na axenda de 2015. Falo do servizo de apertura e peche de pavillón e auditorio, que nos está custando ao redor de 1800 euros ao mes. E non entro na calidade do servizo, só en que a forma é manifestamente irregular. Vostede falaba da posibilidade de municipalizar o servizo, e nós apoiarémolo se decide iso, pero recordándolle que iso non pode significar darlle as chaves a algún traballador/a do concello e xa está. No Patelas hai equipos técnicos que precisan dun mínimo coñecemento para manexalos. Aquí hai facturas moi vinculadas á campaña electoral do ano pasado. O mantemento de zonas verdes non é un servizo puntual, por citar só un exemplo. E despois está o máis escandaloso, o pago sistemático a certa páxina web que sen ningún tipo de criterio obxectivo percibe 363 euros ao mes, e algunha extra. Cal é a relación que existe con Virtual Vedra Comunicación? Hai un convenio formalizado? Se o hai, porque vén a este tipo de expedientes, porque se pagan facturas levantando reparos de intervención? A continuidade deste “servizo” é tremendamente opaca. Nós solicitamos os convenios existentes con medios de comunicación xa no mes de decembro. Por que non se nos facilitan? Xa o fixeramos no ano 2018, tampouco se nos deu acceso. Iso é vulnerar os dereitos dos representantes da oposición. Iso é facer trampa. Négasenos información que nos corresponde. Aínda así, nós recontamos o que gasta o concello de Cuntis en publicidade e propaganda. Factura a factura. No ano 2018, máis de 49.000 euros. No ano 2019, ano electoral, máis de 52.000 euros. É un escándalo que un concello como o de Cuntis asuma estas cantidades”.

Para rematar, fixo fincapé nunha proposta que Veciñanza vén facendo dende o o comezo da lexislatura pasada:

“Entendemos que a situación de crise económica que vén obrigará a reorientar as prioridades e o gasto. Vai ser unha proba desa sensibilidade social da que tanto falamos e veremos se se lle pon solución a este tipo de excesos. Nós propoñémoslle unha idea: reorienten parte dese gasto á instalación dun sistema de gravación nesta sala, agora que a asistencia de público ten máis restricións, pero que os veciños/as seguen tendo dereito de seguir, se queren, o que pasa aquí dentro. Recorten en propaganda e invistan en democracia”.

A intervención da concelleira do Partido Popular foi tamén crítica coa irregularidade nos procedementos económicos que provocan estes expedientes. Na súa quenda, o Sr. Alcalde declinou ofrecer ningunha explicación e remitiuse ao que expuxera na comisión do pasado luns. Santi Martínez recriminoulle esta actitude e suxeriulle que, no sucesivo, expoña a súa posición para que poida quedar constancia na acta do pleno.

Veciñanza abstívose na votación deste punto. Se ben non nos opoñemos a que se realicen os pagos pendentes, non podemos avalar este tipo de procedementos.

A seguir, debateuse o peche da Conta Xeral de 2018, que nós xa temos analizado nesta web (pica nesta ligazón para acceder á valoración e consultar o informe de intervención) e que o noso voceiro municipal expuxo de novo a gravidade da situación que este documento reflicte. Neste punto, cómpre sinalar que o Alcalde si recoñeceu a súa responsabilidade política, mais indicando que tamén existían outro tipo de responsabilidades, en referencia ao traballo non estritamente político. O noso grupo, de novo, optou pola abstención.

O seguinte punto da orde do día, que establecía a dación de contas dos decretos de alcaldía publicados dende o último pleno, foi o momento no que se produciu unha desagradable intervención por parte do Alcalde, que non é a primeira vez que acontece nun sentido moi parecido. Foi interromper á concelleira do Partido Popular, Isabel Vázquez, tratando de condicionar a súa intervención pedíndolle que “non repetira o mesmo rollo de todos os plenos”. É un incidente intolerable. O Alcalde non pode dirixirse neses termos a ningún membro da Corporación, que ten o dereito, sempre segundo a moderación do propio Alcalde, de expresar nas súas intervencións o contido que considere oportuno, respectando obviamente o decoro e o respecto propio da liberdade de expresión. O noso voceiro municipal, Santi Martínez, valorou posteriormente esta desafortunada intervención e instou ao Alcalde a que asumise o seu erro e se desculpara tanto ante a concelleira afectada como ante o conxunto da Corporación. Ao remate da sesión, o Alcalde Manual Campos, así o fixo.

Na quenda de rogos e preguntas, Veciñanza interesouse polas seguintes cuestións:

• Instamos ao Goberno Municipal a instalar un sistema de gravación e retransmisión no salón de plenos. Agora que se existen restricións para a presenza física de público nas sesións, hai que garantir o dereito democrático a poder seguilas. O Alcalde afirmou estar de acordo coa proposta e comprometeuse a instalalo.

• Preguntamos ademais pola intención do Goberno Municipal a respecto da reapertura do Cuntilín. O Alcalde contestou que a súa intención é reabrilo “canto antes”, pero que seguen á espera de instrucións por parte da Xunta de Galicia para implementar as medidas sanitarias necesarias.

• Por último, preguntamos tamén pola intención do Goberno Municipal para as festas patronais. De novo, e igual que o resto de concellos, estase á espera de que o Goberno Galego facilite instrucións neste sentido. O que si está claro é que o formato tradicional deberá ser revisado e o programa de actividades reorientado ás condicións de seguridade que para daquela sexan oportunas.

Share

Tamén pode gustarche...

1 resposta

  1. 12 Marzo, 2021

    […] temos explicado noutras ocasións as graves deficiencias da xestión económica do Goberno Municipal de Cuntis, que sitúan ao Concello na delicada situación de incumprimento da regra fiscal de estabilidade […]