O vial da Ran: un exemplo da xestión do Goberno Local de Cuntis

O acondicionamento do vial do Polígono Industrial da Ran é unha obra que está dando demasiados quebradeiros de cabeza ao Goberno Municipal de Cuntis e absorbendo, tanto directa como indirectamente, unha inxente cantidade de recursos. Faremos unha breve pero documentada cronoloxía que deixa en evidencia as carencias da xestión municipal do PSOE de Cuntis neste caso concreto, pero que non son moi distintas ás do resto de áreas.

No mes de setembro de 2017, o Pleno da Corporación aprobaba o proxecto denominado “Humanización do viario do Polígono Industrial da Ran e viveiro de empresas en Meira”. O proxecto que o Concello de Cuntis presentaba para optar á subvención do Plan de Reequilibrio Territorial da Deputación de Pontevedra quedaba excluído por incumprimento das bases. A idea orixinal, que consistía na humanización do vial e na construción dun viveiro de empresas na vella escola unitaria de Meira, quedaba deste xeito sen o financiamento necesario para a súa execución. Malia o concello ter presentado recurso contra esta exclusión, o rexeitamento deste sinalaba a monumental chapuza do goberno local, que provocaba a perda de case un millón de euros de investimento na nosa vila.

“O proxecto que o Concello de Cuntis presentaba para optar á subvención do Plan de Reequilibrio Territorial da Deputación de Pontevedra quedaba excluído por incumprimento das bases (…) Para encaixalo, reformulouse o título para aludir á seguridade vial da obra.”

Para que o obxectivo de humanizar o vial da Ran puidese ser levado a cabo, o goberno municipal decidiu destinar o plan DepoRemse a este fin. Para encaixalo, reformulouse o título para aludir á seguridade vial da obra. O 28 de setembro de 2018, o Pleno da Deputación de Pontevedra concédelle ao Concello de Cuntis a axuda mediante dito plan para a obra “Remodelación e mellora da seguridade viaria do polígono industrial” por importe de 499.162,80 € (resolución da Deputación de Pontevedra ditada o 8 de novembro de 2018). Ademais desa, hai que sumar a subvención concedida ao abeiro do POSS 2018/19 por importe de 55.462,53 €, de data 22 de agosto de 2019. De non ter sido rexeitado o proxecto inicial, estas dúas axudas (máis de medio millón de euros en total) poderían terse adicado a outras necesidades. Este é un fiel reflexo da xestión deste Goberno. Pero a historia continua.

A obra “Remodelación e mellora da seguridade viaria do polígono industrial” adxudicouse o 24 de xaneiro de 2020 á empresa Construcciones Obras e Viais SA (Covsa) por un importe de 526.339’44 € (IVE incluído), supoñendo unha baixa de 28.285’89 € sobre o prezo de licitación (un 5%). O contrato asinouse o día 28 de xaneiro e a acta de replanteo realizouse con data 12 de febreiro, comezando a obra o día 13 de febreiro, segundo consta nos informes de Secretaría que conforman o expediente.

Logo de solicitar unha ampliación do prazo de execución (o día 13 de maio), por mór da situación de alerta sanitaria vivida durante as semanas nas que se tería que ter realizado, o 24 de maio a empresa solicitou unha modificación do proxecto debido a que “durante a fase de execución da obra detéctanse unhas necesidades de actuacións que deben ser incluídas”. Trátase de intervencións que non puideron ser previstas no proxecto inicial. Segundo consta no expediente, “o presente proxecto modificado redactase como documento necesario para introducir as modificacións por causas sobrevidas e imprevisibles no momento en que tivo lugar a licitación do contrato. Ademais das actuacións que se xustifican, procederase a incorporar unhas lixeiras variacións nas partidas do proxecto”. Segundo podemos ler tanto no informe de Secretaría como no que presenta a empresa: “O presuposto total do modificado (SEN IVE) tendo en conta a baixa é de 505.337,49 €, isto supón un aumento do 16,17 % con respecto ao contrato inicial sen IVE (434.991,27 €)”. Este modificado contén un total de 6 intervencións que, segundo os argumentos dados pola empresa, resultaban IMPREVISTAS no momento inicial.

Recibida esta proposta no Concello por parte da empresa, comezan os informes técnicos preceptivos. O 91/2020 do Técnico Municipal indica, entre outras que “a modificación é viable”, sen embargo, advirte que se ben as circunstancias sobrevidas resultaron na maior parte dos casos difíciles de prever, precisa que “non cabe considerar de forma taxativa e na súa totalidade, que a administración cunha actuación dilixente non puidera prever algunhas delas”. A partir deste, o informe 56/2020 de 16 de xuño da Secretaría Municipal conclúe que “polo tanto, para poder continuar coa tramitación do presente modificado deberanse aclarar as cuestións que se indican no presente informe, non sendo posible un pronunciamento xurídico relativo ao cumprimento do disposto na Lei de Contratos do Sector Público, mediante a análise dun documento que se presenta moi vago en diversos puntos”.

“do exposto, infórmase desfavorablemente o presente modificado por carecer de crédito adecuado e suficiente, segundo o Interventor municipal. (…) aínda que non se pode considerar que se trate dun modificado redactado con exactitude e precisión”

Logo de que a empresa presentara as modificacións esixidas, só uns días despois chega o segundo informe desfavorable da Secretaría Municipal. É o 57/2020 de 22 de xuño, no que podemos ler “do exposto, infórmase desfavorablemente o presente modificado por carecer de crédito adecuado e suficiente, segundo o Interventor municipal. En canto ao fondo do asunto este atópase avalado polo técnico municipal, entendendo que formalmente foi mellorado coas aclaracións presentadas, aínda que non se pode considerar que se trate dun modificado redactado con exactitude e precisión”. Pero hai máis. Consta tamén no expediente o preceptivo informe de Intervención Municipal, no que se conclúe que “non existe crédito axeitado e suficiente para facer fronte ó incremento do gasto que implica a modificación proposta. A realización deste modificado está condicionada á obtención dunha achega para a súa financiación. Polo tanto, se a Xunta de Goberno Local decide proceder a súa aprobación, esta debería quedar condicionada á obtención da meritada achega. En caso contrario o reparo tornaría suspensivo por falta de crédito e debería ser resolto polo Pleno da Corporación.

En resumo, logo do percorrido do proxecto, de modificacións, correccións e documentos “vagos” en aclaracións e carentes de precisión, con dous informes técnicos de Secretaría en contra, e un reparo de Intervención por falta de crédito, o Goberno Municipal do PSOE decide facer caso omiso a todos eles e tirar para diante solicitando outra subvención máis á Deputación de Pontevedra. Desta vez será un total de 56.833,03 € con cargo ao Plan Concellos 2020, e foi solicitada mediante decreto de alcaldía o pasado 22 de xuño (Decreto 2020-0422). Este importe é o necesario para completar o modificado que solicitou a empresa para rematar a humanización do vial do polígono, pero a experiencia dinos que as alteracións non rematarán aquí.

“ascende o Presuposto de Adxudicación do Proxecto Modificado a cantidade de seiscentos once mil catrocentos cincuenta e oito euros con trinta e seis céntimos (611.458,36 €)

Segundo lemos no propio proxecto do modificado presentado pola empresa no que indica o custe final da obra, dise “ascende o presuposto para coñecemento da Administración a cantidade de SEISCENTOS CORENTA E CATRO MIL TRESCENTOS DEZAOITO EUROS CON SESENTA E UN CÉNTIMOS (644.318,61 €). Dado que a Baixa de Adxudicación foi do 5,10 %, ascende o Presuposto de Adxudicación do Proxecto Modificado a cantidade de SEISCENTOS ONCE MIL CATROCENTOS CINCUENTA E OITO EUROS CON TRINTA E SEIS CÉNTIMOS (611.458,36 €)“.

Se reparamos na tramitación e execución deste proxecto temos un exemplo da diferenza entre o que publicita o Goberno Municipal do PSOE de Cuntis e o que realmente hai se afondamos na xestión. Perda de subvencións, cambios de proxecto para executar unha mesma idea, informes técnicos en contra, modificacións sospeitosas e pouco argumentadas, falta de crédito e consumo esaxerado de recursos públicos por ineficiencia na xestión.

Non hai reparo en abusar de fondos públicos en procedementos restrinxidos ao Goberno Municipal, e que unicamente a xeito de ritual pasan polas comisións informativas nas que está representada a oposición. Nesta lexislatura, o PSOE mediante a súa maioría absoluta sacou os procedementos de contratación dos plenos (que son públicos) para executalos a porta pechada na xuntas de goberno (ás que só pode asistir o propio goberno). O custo de humanizar o vial do Polígono non será unicamente o que paguemos de factura, senón todos os investimentos que podendo ser dedicados a outros fins teñen que ser destinados a tapar buratos negros desta obra*. Lonxe queda a idea orixinal que contemplaba a creación dun viveiro de empresas en Meira, que desapareceu da axenda, das promesas e das notas de prensa do Alcalde.

Estas son cantidades do proxecto:

799.101,62

Plan de Reequilibrio Territorial

perdida

199.775,41

fondos propios

non executada

499.162,80

DepoRemse

concedida

55.462,53

POSS 18-19

concedida

526.339,44

 

adxudicación da obra (IVE incluído)

505.337,49

 

presuposto do modificado (sen IVE)

56.833,03

Plan Concellos 2020

solicitada

611.458,36

 

custe final (incluída baixa proporcional)

*Poderíanse ter adicado a outros fins: 499.162,80 (DepoRemse) + 55.462,53 (Poss 18-19) + 56.833,03 (Plan Concellos 2020). Total: 611.458,36 euros.

Share

You may also like...