O Partido Popular esquece a sanidade na súa campaña electoral en Cuntis

O Partido Popular reparte estes días, polos fogares de Cuntis, material de campaña no que reconta as intervencións do Goberno Galego no noso municipio. A marxinación á que a nosa vila foi sometida por parte de Alberto Núñez Feijóo non é como para presumir dela, pero entendemos que o PP considera que pode seguir ocultando a realidade. Nese material, curiosamente, o Partido Popular “esquece” mencionar un dos asuntos que máis lle preocupan aos veciños e veciñas de Cuntis, como así se ten demostrado en reiteradas ocasións: a sanidade pública e a desatención do noso centro de saúde. Curiosamente, o PP de Cuntis non fala do trato que o SERGAS, a Xunta de Galicia e o Conselleiro de Sanidade lle vén dispensando aos/as veciños/as e á propia Corporación Municipal (na que por suposto está o PP).

No abril de 2018 Cuntis comeza a mobilizarse por unha atención sanitaria digna, amosando unha actitude exemplar fronte ao desprezo continuado do SERGAS e do Conselleiro, que leva cinco anos sen nin tan sequera atender a solicitude de reunión que dende a Corporación Municipal por unanimidade se lle vén solicitando. En decembro de 2018, os veciños e veciñas de Cuntis botáronse á rúa para defender o servizo de pediatría que a Xunta do PP planeaba suprimir. Foi unha mobilización pioneira que despois prendeu por distintos puntos do País e ante a que Núñez Feijóo tivo que recuar. De novo, en outubro de 2019, Cuntis volvía saír á rúa para defender a sanidade pública fronte a un Partido Popular especialmente insistente na precarización da atención sanitaria na nosa vila. Cuntis representa como ningún outro municipio o que é padecer a degradación de servizos públicos no rural que caracterizou os gobernos da Xunta dos últimos anos, pero curiosamente o Partido Popular esquécese de mencionalo no seu catálogo de obras e milagres co que pretende agora pedir de novo o voto da continuidade.

O Partido Popular atinxe o máximo da indecencia cando se atribúe a posta en funcionamento do Centro de Día, cuxa paralización foi unha das primeiras medidas de Alberto Núñez Feijóo en 2009 e que despois mantivo bloqueado durante unha década, coa complicidade do propio PP de Cuntis cando gobernou no concello. Tampouco fala a campaña do PP da marxinación á que a Xunta someteu a Cuntis en materia de desenvolvemento industrial, canalizada esta por medio da negativa de Xestur a investir no Polígono da Ran. Cuntis é un concello que exemplifica o abandono do rural e o deterioro de servizos públicos que caracterizaron a acción de goberno de Núñez Feijóo durante a última década. Tamén representa a diferenza de trato a respecto dos municipios gobernados polo Partido Popular e a dotación de servizos e investimentos, como se pode comprobar en concellos da nosa contorna, como poden ser Moraña, Valga ou A Estrada, moito mellor tratados que alí onde os gobernos non son afíns. O PP usa as institucións e os recursos públicos en beneficio propio.

Fronte á resignación, Veciñanza aposta por un cambio de goberno na Xunta de Galicia que abra un futuro de oportunidades. Un goberno de esquerdas e en clave nacional que reforce os servizos públicos, a Atención Primaria, que invista en desenvolvemento produtivo e que asuma como prioritaria a tarefa de reverter a decadencia do rural. Veciñanza fai parte do espazo municipalista integrado na coalición Galicia en Común – Anova – Mareas, e como tal fai un chamamento a derrotar nas urnas ao Partido Popular de Núñez Feijóo o 12 de xullo.

É o momento de levar ás urnas os aplausos do confinamento, o agradecemento aos sanitarios/as e a todo o persoal que arriscou a súa integridade traballando para manter a liña da vida nunha situación tan excepcional como a que vivimos, e da que non se pode descartar que volvamos padecer, fronte a un Partido Popular que xestionou de maneira electoralista a crise sanitaria e que mesmo aínda hoxe está a especular con ela en función dos seus intereses. É o momento de ter un goberno que reforce os servizos públicos e non un que os precarice.

Share

Tamén pode gustarche...