Pleno do 30 de xullo de 2020. Aprobación do Plan de Mobilidade Sostible

O segundo pleno de Cuntis despois do Estado de Alarma provocado pola crise sanitaria do coronavirus trouxo unha novidade importante: a gravación e publicación por parte do propio concello. Esta viña sendo unha reclamación que Veciñanza vén facendo dende a pasada lexislatura e que se acentuou ante a imposibilidade de asistencia de público ás sesións. Garantir o dereito de acceso e a transparencia da vida municipal é unha teima que, aínda que cinco anos despois, conseguimos facer realidade. A sesión está dispoñible tanto nas redes sociais do concello como nas de Veciñanza (https://youtu.be/gHUHECQNrts)

É de salientar a aprobación do Plan de Mobilidade sostible, que presenta as directrices do modelo urbano da nosa vila a medio prazo. O alto grao de coincidencia entre as propostas deste documento e as que defende Veciñanza, froito tamén do noso traballo co equipo redactor no seu momento, propician o noso voto favorable. Podes ver a intervención do noso voceiro municipal, Santi Martínez, na que expón tanto a nosa postura como as deficiencias da acción de goberno vencelladas con esta materia, no minuto 10:15.

Foi tamén aprobado o IV Plan de Igualdade, cando o anterior presenta multitude de puntos que foron esquecidos. Entre o máis salientable está a non convocatoria do Consello Local de Igualdade dende o mes de decembro de 2018 e a non renovación do mesmo durante o que vai da presente lexislatura. A nosa valoración ao respecto no minuto 42:50 do vídeo antes referido.

O pleno da Corporación aprobou tamén as adhesións á rede Ágora e aos obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030. O apoio nos dous asuntos aspira a que a asunción destes compromisos non se reduza ao simbólico e se vexa materializado na práctica, aínda que a experiencia dinos que non hai moitos motivos para o optimismo.

Na quenda de rogos e preguntas, Veciñanza plantexou as seguintes cuestións:

  • O malestar xeral entre veciños/as pola cobranza da taxa de lixo do presente exercicio poucas semanas despois do recibo de 2019, que suporá un importante golpe ás economías familiares en momentos nos que precisamente cómpre buscar axudalas
  • As queixas dos veciños/as de Magán polo mal estado que presenta o vial que conecta o noso municipio co de Caldas de Reis.
  • O apoio ás reclamacións e protestas que se están a desenvolver contra o cobro de comisións abusivas por parte da entidade financeira Abanca, e a instancia ao concello de Cuntis a tomar partido por tratarse dunha entidade con capacidade de presión.
Share

Tamén pode gustarche...