Pola demolición dun encoro contaminado, pola recuperación dun río abandonado

Un verán máis o encoro do Umia tínguese de verde. Esta imaxe, que se repite con moita intensidade dende que no ano 2006 se detectara a contaminación por cianobacterias, fai parte habitual da paisaxe dun entorno que representa o abandono máis absoluto por parte das administracións. Os investimentos da Xunta de Galicia resultaron inútiles e o desprezo tanto polo río como polos veciños e veciñas da comarca levárona a nin tan sequera publicar nunca os resultados do suposto tratamento con codia de eucalipto (cun custe de máis de 382.000 euros), medida do malogrado Plan Umia. Tanto as estruturas flotantes como o propio investimento prometido son hoxe a cara da vergoña dun organismo, Augas de Galicia, que ten neste río unha das maiores representacións da súa infame xestión.

A propia Consellaría vese na obriga de decretar a alerta por contaminación cada ano durante os meses de verán. Neste 2020, a alerta está

Encoro do Umia (07-08-2020)

vixente dende o 16 de xullo. A contaminación espállase dende a presa da Baxe varios quilómetros río arriba, tinguindo de verde a abandonada zona da Pontenova, entre os concellos de Cuntis e Moraña. Non por repetida esta situación é menos lamentable. Segundo as propias avaliacións da Xunta de Galicia, o encoro do Umia presenta os peores rexistros de toda Galicia, suspendendo en todas as materias analizadas.

No caso de Cuntis, aínda esta mesma semana tiñamos coñecemento de tres sancións de Augas de Galicia por valor de 11.000 euros relacionadas con verquidos irregulares.

Entre o abandono e o desleixo da Xunta de Galicia e a indiferenza dos concellos de Cuntis, Caldas e Moraña, os veciños e veciñas da contorna ven como o problema medioambiental máis grave da comarca mantén o río Umia nun estado deplorable. No caso de Cuntis, aínda esta mesma semana tiñamos coñecemento de tres sancións de Augas de Galicia por valor de 11.000 euros relacionadas con verquidos irregulares. As administracións están a malgastar os cartos públicos mentres se manteñen indiferentes ante un atentado medioambiental de tal magnitude como é o que representa a contaminación do encoro.

A única solución para erradicación do problema de contaminación que afecta ao encoro do Umia é a demolición. Esta é a solución pola que aposta Veciñanza

Veciñanza presentara en marzo de 2016 unha moción ante o Pleno da Corporación para esixir tanto a conservación da contorna como responsabilidades polo incumprimento do Plan Umia. Malia que foi aprobada, a indiferenza do goberno municipal de Cuntis limitou o percorrido da iniciativa, que non foi máis alá dunha mera declaración. Ante un novo verán no que a auga do encoro volve tinguirse de verde, Veciñanza valora nestes momentos novas iniciativas e de maior transcendencia que permitan que a loita por un medio vivo e digno non se reduza a slogans baleiros e actos simbólicos. No que a Cuntis respecta, é indignante que o goberno municipal manteña a indiferenza máis absoluta ante o maltrato ecolóxico ao río que atravesa o noso municipio. Os espazos abandonados, como as zonas da Pontenova, da Hervés ou do Areal, poderían ser aproveitados para o desenvolvemento de actividades acuáticas no río, se este estivese en condicións de salubridade. A indiferenza ante este problema de contaminación non revela unicamente o desleixo puramente medioambiental, senón a carencia de ideas e proxectos vencellados ao potencial natural que podería complementar a oferta turística do noso municipio.

Ao longo dos anos, e co aval da opinión de numerosos expertos, tense demostrado que a única solución para erradicación do problema de contaminación que afecta ao encoro do Umia é a demolición. Esta é a solución pola que aposta Veciñanza e que segue defendendo para un río limpo, vivo e digno.

 

Share

Tamén pode gustarche...