Pleno ordinario do 1 de outubro de 2020. Resumo e video

Onte, xoves 1 de outubro, celebrouse a sesión ordinaria do pleno da Corporación de Cuntis. Con motivo das restricións sanitarias da pandemia do coronavirus, a sesión celebrouse gardando as correspondentes medidas de distanciamento e sen presenza de público.

Quedaron fixados os festivos locais para o ano 2021, que serán o 24 de xuño e o 17 de agosto. O noso grupo abstívose argumentando unha vez máis que, aínda que non temos preferencia polos días que se elixan, si que entendemos que se debera implementar un proceso participativo para que todos os veciños e veciñas de Cuntis puidesen elixir as datas, algo ao que o grupo de goberno se nega sistematicamente.

A seguir debateuse a moción do PP que propuña revisar a ordenanza que establece a taxa polo servizo de recollida de lixo. Malia recoñecer que efectivamente o goberno está a revisar esa ordenanza, que sufriu problemas de aplicación á hora de levala á práctica, o PSOE votou en contra. Resulta difícil de entender o votar en contra de algo que se está a facer, pero así foi. Veciñanza abstívose explicando que, se ben estamos a favor de que se revisen todas as ordenanzas que sexan necesarias se é para melloralas, a moción do Partido Popular carece dun criterio alternativo. Tamén recordou o noso voceiro municipal, Santi Martínez, que o propio PP votou a favor sen facer ningún tipo de crítica fai tan só dous anos, cando se aprobou. Pode verse o debate deste punto no minuto 5:35 do vídeo que incluímos nesta mesma publicación.

A seguinte moción a debater foi a presentada polo noso grupo, en conxunto con outras candidaturas municipalistas do País, sobre a fuxida do Rei Emérito e a esixencia dun referendo sobre a Xefatura do Estado. O PP votou en contra e o PSOE abstívose. Pódese ver o debate deste punto no minuto 39:17.

Outra das mocións que presentamos a debate neste pleno foi a que fai referencia ao estado de contaminación do encoro do Umia e aos custes que para Cuntis supón non poder dispoñer deste entorno natural. Foi aprobada por unanimidade e pódese ver o debate deste punto no minuto 1:08:54.

A terceira das nosas iniciativas versaba sobre a necesidade de conservación dos Pasos de Meira, en situación de abandono dende a súa restauración no ano 2012. Tamén foi aprobada por unanimidade e o debate pode verse no minuto 1:25:52 do vídeo.

Na quenda de rogos e preguntas (1:41:05) Veciñanza volveu preguntar polo motivo de non ter convocado o Consello Local de Igualdade despois de case dous anos; pola ausencia de novidades a respecto da redacción do PXOM e a non contestación ás preguntas formuladas por rexistro por parte do noso grupo; a non reparación das pontes do Gallo; a necesidade de adoptar medidas por parte do Concello en materia de seguridade vial na zona do Espadenal; os excesivos tempos de espera dos semáforos da Circunvalación; o constante deterioro da atención primaria en Cuntis e o inicio dos traballos de deslinde no Camiño da Misa da Louriña.

Share

Tamén pode gustarche...