Nos últimos días, a partires das demandas de Veciñanza dun compromiso real co comercio local e hostalaría, o goberno municipal de Cuntis reaccionou cunha enxurrada de anuncios que conteñen, cando menos, algunhas inexactitudes. Trátase de certa confusión interesada que unicamente ten como obxectivo ocultar a falta de iniciativa real que caracteriza a acción de goberno do PSOE nesta lexislatura. O magnífico resultado electoral obtido e a consecución de sete concelleiros/as non se está a ver reflexado no traballo real dun goberno unipersoal e totalmente dependente dos/das traballadores/as municipais, que unicamente se limita a deixarse levar pola a inercia e as dinámicas decadentes dunha vila, Cuntis, que atravesa o paso do tempo perdendo oportunidades.
A seguir, trataremos de explicar algúns conceptos que están a empregarse de xeito confuso e que acadan gran repercusión (na maior parte dos casos, sen pasar polo filtro do contraste).
TAXA DE OCUPACIÓN DA VÍA PÚBLICA (TERRAZAS)
A exención desta taxa foi un dos grandes anuncios feitos polo Goberno Municipal de Cuntis, xa en maio e agora tamén en novembro (para 2021). O certo é que esta ordenanza, publicada no BOPPO do 11 de xaneiro de 2019, non chegou a aplicarse dende a súa aprobación debido a que está incompleta. Aínda que foi aprobada PARCIALMENTE polo pleno da Corporación a finais do ano 2018, CARECE da táboa de coeficientes necesaria para o seu cálculo e, case dous anos despois, o Goberno Municipal foi incapaz de elaborala, aprobala e aplicala.
Polo tanto, o anuncio da exención desta ordenanza é enganoso. Non existe exención de algo que non está en aplicación. O alcalde pode anunciar que bonifica esta taxa ou pode anunciar o contrario, pero o certo é que en ningún momento se cobrou porque non está en condicións de aplicala, nin agora nin antes da pandemia do coronavirus, nin se cobrará ata que estea completa.
IAE PARA ACTIVIDADES DE HOSTALARÍA E PEQUENO COMERCIO
Son varios os medios de comunicación que a pasada semana recollían, en palabras textuais, as declaracións do Alcalde Manuel Campos afirmando que algún grupo da oposición (en referencia a Veciñanza) solicitara a bonificación do IAE á hostalaría e pequeno comercio, para a seguir aclarar el que estes sectores están exentos. FALSO. Veciñanza en ningún momento fixo tal reclamación. O que afirmaba Veciñanza, textualmente, é o seguinte: “o Concello de Cuntis cobrou puntualmente no mes de setembro as taxas do IAE e de entrada de vehículos correspondentes ao ano 2020, así como anteriormente os recibos do lixo e da auga”. En ningún momento se fai referencia a bonificación ningunha para un sector concreto, senón que se dá conta dun feito obxectivo que se pode comprobar no taboleiro de anuncios municipal, que ten a exposición pública na súa sede electrónica dende o 3 de setembro (e publicado no BOPP). O alcalde, neste sentido, difundiu un bulo que foi publicado sen contrastar, algo que podía facerse na sección de prensa da web de Veciñanza.
12000 EUROS PARA COMERCIO
Os medios de comunicación recollen unha presunta reunión entre o Alcalde de Cuntis e unha asociación de comerciantes da vila, na que o rexedor promete unha axuda de 12.000 € para campañas de dinamización do comercio local. Non se especifica nada máis. Cómpre aclarar aquí, vista a confusión xerada na aplicación dos conceptos, o seguinte:
- unha “axuda” tería que ser tramitada como subvención a unha entidade concreta, o cal non podería considerarse que esa subvención vai adicada ao sector no seu conxunto, senón a un colectivo concreto.
- pero se do que falamos é da partida orzamentaria adicada á área de comercio (nos Orzamentos Municipais), esta non pode considerarse “axuda” ningunha e a súa xestión corresponde ao goberno local, que en teoría conta cunha área adicada a este sector.
Seguramente isto non se aclarará publicamente porque supón recoñecer que o anuncio feito é simple pirotecnia (outra máis) ou, o que sería máis grave, que o goberno municipal delega a xestión da área de comercio nunha asociación.
O GASTO EN PROPAGANDA E A SÚA FORMA DE PAGO
Os 12.000 euros prometidos veñen a ser aproximadamente unha cuarta parte do que o goberno local de Cuntis gasta anualmente en propaganda e autobombo. Un exceso desproporcionado encuberto en distintas partidas orzamentarias que é difícil de rastrexar. A única información que conseguimos por parte do goberno municipal foi a de que NON EXISTE ningún contrato ou convenio formalmente subscrito con ningún medio de comunicación, polo que o seguimento das facturas temos que facelo individualmente.
Que significa que non existan convenios cos medios de comunicación pero que realicen este tipo de gastos?
Moi sinxelo: que a inmensa maioría das facturas se pagan malia contaren cun REPARO DE INTERVENCIÓN, que o Alcalde ten a facultade de ignorar para realizar o pago sen aterse ás canles establecidas. Dito doutro xeito: páganse de maneira irregular, pero legal.
Que significa un reparo de intervención?
Un reparo de intervención é a alerta que o Interventor Municipal ten que notificar cada vez que se tramita un pago incumprindo os procedementos legalmente establecidos. Os reparos de intervención están regulados nos artigos 215 a 217 do RDLeg 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais -TRLRHL- e nos arts. 10 a 15 do RD 424/2017, de 28 de abril, polo que se regula o réxime xurídico do control interno nas entidades do Sector Público Local -RCI-.
A Conta Xeral de 2018, aprobada unicamente cos votos do PSOE, contiña un total de 65 reparos de intervención.
O Goberno Municipal gastou no ano 2018 un total de 49.034’20 euros en pagar facturas a empresas e medios de comunicación. Durante o 2019, o gasto ascendeu a 52.041’80 €. Neste 2020, e no medio da crise económica e da pandemia do coronavirus, este tipo de gastos continúan polo mesmo camiño. Os 12.000 € que o Alcalde promete para “axudar” ao comercio representan unha cuarta parte do que gasta en promocionarse. As dificultades para a visibilización da acción política de Veciñanza nos medios de comunicación son enormes, pero non por iso deixaremos de facer o noso traballo.