Veciñanza consegue importantes modificacións do Orzamento de 2021

O Pleno da Corporación Municipal de Cuntis aprobou, na sesión extraordinaria do día 14 de xaneiro, os Orzamentos Municipais para o exercicio 2021 unicamente cos votos favorables do PSOE e a abstención dos grupos da oposición, Veciñanza e Partido Popular. Podes ver o pleno ao final deste mesmo post.

A tramitación foi un cúmulo de despropósitos, tal e como relatou o voceiro de Veciñanza Santi Martínez na súa intervención, que culminaron coa presentación xusto antes do pleno dunha emenda do Partido Popular que pedía a devolución do orzamento, e que polo tanto non se tramitara no pleno, despois de ter presentado e negociado emendas e, unha vez que continuou a súa tramitación, absterse na votación final. Inaudito.

Veciñanza conseguiu introducir unha partida específica para o inicio da tramitación do PXOM, liñas de axuda para alugueiros de vivenda e locais comerciais, incremento das axudas para Emerxencia Social e Escolarización, unha partida para intervención en seguridade viaria no Espadenal e a supresión dos gastos de publicidade e propaganda para adicar a materias sociais.

Veciñanza conseguiu importantes modificacións do proxecto orixinal mediante a presentación de varias emendas. Sen dúbida a máis salientable é a inclusión dunha partida específica para comezar a redacción do PXOM, unha das carencias máis evidentes que nestes momentos presenta a nosa vila. Na proposta inicial do Goberno do PSOE non existía esta partida por ningueres, como tampouco figuraba entre as emendas do Partido Popular, malia ser un dos referentes principais dos seus respectivos programas electorais.

Tamén foron incluídas, a proposta de Veciñanza, axudas directas ao alugueiro de vivenda e de locais comerciais, así como o incremento das partidas dedicadas a Emerxencia Social e a Escolarización. Foi tamén incorporada a inclusión dunha partida específica para a tan demandada intervención en seguridade viaria no Espadenal. Ademais, Veciñanza conseguiu que se supriman os gastos desorbitados en propaganda e autobombo, que o PSOE pretendía incluír no proxecto de Orzamentos e que rematou por recoñecer que se trata dun abuso excesivo dos recursos públicos e que eses gastos deben destinarse ao reforzo de cuestións sociais.

A maiores, conseguimos o compromiso de actuación noutras tantas propostas que, malia que non terán reflexo explícito nas contas de 2021, Alcalde Campos Velay comprometeuse a financiar mediante outras vías. Estes compromisos teñen que ver coa solicitude de subvencións para a instalación de máis puntos de recarga de vehículos eléctricos, a humanización do Espadenal, a recuperación do treito antigo da N640, o incremento do destinado á conservación de petroglifos, da Feira do Dezaoito ou ubicación da Escola Infantil Pública.

Esta situación non pode desenfocar a situación económica real do Concello de Cuntis, que o noso voceiro Santi Martínez describía así: pero cal é a realidade económica do Concello de Cuntis? Como vimos advertindo nos últimos meses, a saúde real non a determinan os orzamentos, que en realidade son unha previsión, senón a liquidación dos mesmos, a conta xeral, e as de 2018 e 2019 veñen presentando datos realmente preocupantes. Tanto é así, e non é algo que afirme Veciñanza, que se constata en cada informe económico que os diferentes técnicos municipais deste concello veñen elaborando nos útlimos meses. Tanto é así, que o Concello de Cuntis estaba abocado á implantación dun plan de axuste económico, o que implicaría a tutela do Ministerio de Facenda e que nestes momentos unicamente 12 dos 62 concellos da provincia teñen aplicado, dos cales só un deles (Dozón) é menor que Cuntis. Que foi o único que impediu que Cuntis non tivese que aplicar medidas de axuste debido ao incumprimento de dúas das regras fiscais do Ministerio? Que o Congreso dos Deputados, con motivo da pandemia do coronavirus, deixou en suspenso a aplicación destas regras. Pero iso non mellora nin a saúde economico-financeira do concello nin debera servir para deixala de lado. As emendas de Veciñanza non se limitan unicamente a retocar partidas orzamentarias, senón que instan a que se valore esta realidade, se actúe en consecuencia e senten as bases para un escenario post-coronavirus que é nestes momentos moi incerto.”

O concello de Cuntis ten nestes momentos moitos contratos de servizos continuados sen renovar, ou directamente sen ter feito nunca. O Concello de Cuntis paga nestes momentos infinidade de facturas por estes servizos mediante levantamento de reparos de intervención, ou sexa, omitindo a lei de contratos do sector público, de maneira irregular. O Concello de Cuntis non ten mecanismos tributarios, ou sexa, ordenanzas fiscais, actualizadas e áxiles que permitan enfrontar unha situación excepcional como unha pandemia aplicando bonificacións, exencións, etc. A única ordenanza que durante cinco anos de goberno o PSOE actualizou foi a da ocupación do espazo público, e nin tan sequera se pode aplicar porque non está completa, porque lle falta a táboa de coeficientes. Por iso dicimos que o goberno minte cando di que conxelará a taxa de terrazas. Por iso en Cuntis non vimos, como noutros concellos da contorna, como no medio da pandemia se facían plenos extraordinarios para modificar ordenanzas fiscais, aplicar exencións e responder con axilidade. Aquí non se pode facer iso, aquí anúncianse medidas. Por iso a partida prevista de 30000 se anuncia como vinculada aos impostos e taxas pero realmente non é iso, porque non pode selo, porque non se pode articular nos mecanismos tributarios.

Ante esta situación, Veciñanza optou pola abstención recordándolle ao Alcalde a necesidade de establecer acordos amplos en materias importantes para o concello. A revisión dos criteiros para a concesión de subvencións nominativas, a regulación dos gastos de publicidade ou a contratación das prazas de persoal vacantes xa orzamentadas son algúns destes compromisos que seguiremos con especial atención.

Share

You may also like...