Datos da enquisa realizada entre o comercio local de Cuntis

Coñecer de primeira man a situación real do comercio local de Cuntis. Este é o obxectivo principal da enquisa elaborada por Veciñanza entre un total de 70 establecementos da vila entre os días 12 de novembro e 15 de decembro, baixo o estrito cumprimento das medidas sanitarias en vigor. Este traballo pretende ofrecer unha imaxe o máis fiel posible da realidade manifestada directamente polos propios/as dependentes e traballadores/as dos negocios de Cuntis. Cómpre sinalar a acollida tan positiva que tivo o traballo de realización das enquisas, no que se agradeceu especialmente o interese e a iniciativa de querer coñecer directamente a situación real.

Dos setenta establecementos participantes, a súa clasificación por sectores é a seguinte: 7 son de alimentación (o 10%), 8 de servizos (o 11%), 26 son tendas e comercio variado (o 37%), 10 de saúde e estética (14%), 16 de hostalaría (23%) e 3 doutros sectores (o 4%). As conclusión tiradas do estudo son as seguintes:

  • Só catro afirman estar mellor que antes da pandemia do coronavirus, dos cales tres pertencen ao sector da alimentación.
  • Está peor o 72% dos participantes. Afirma estar igual o 20%. Seis recoñecen risco de peche (o 9%), os corenta e catro restantes (63%) confían en aguantar.
    • No que se refire especificamente á hostalaría, o 38% recoñece estar peor que antes da pandemia pero afirma que superará as dificultades.
  • O 54% bota en falta, por parte do concello, apoio loxístico, económico ou doutro tipo. O 19% di non botar nada en falta de parte da administración local.
  • Unicamente 20 establecementos (o 29%) valoran como ‘útil’ a iniciativa Mercacuntis, o 9% non a coñece. O 46% afirma que non lle supuxo ningún tipo de mellora, axuda ou beneficio.

Ademais das preguntas sobre a propia autovaloración que cada negocio fai da súa propia situación, o traballo inclúe un espazo para manifestar comentarios a respecto de suxestións, queixas ou calquera tipo de observación. Os máis recollidos, e por orde de repetición, son os seguintes:

  • Queixa maioritaria polo cobro de taxas municipais nun ano no que a actividade comercial se viu reducida drasticamente, con especial mención para a da recollida do lixo. A repetición desta observación agudízase a sabendas do anuncio por parte do Alcalde das bonificacións e conxelacións de taxas para este 2020, que resultou ser falso.
  • Comentarios referidos á falta de información, concretamente no relativo aos contaxios por coronavirus. Nesta altura cómpre aclarar que detectamos unha notable confusión a este respecto, pois como é sabido a competencia nesta materia é da Xunta de Galicia, cuxa xestión sanitaria destacou pola súa opacidade e falta de transparencia. É imputable ao concello o escaso esforzo comunicativo na aclaración de feitos deste tipo.
  • O seguinte comentario máis repetido fai referencia á falta de diálogo por parte do Concello de Cuntis directamente cos propios establecementos e comerciantes, se ben as observacións deste tipo son menos repetidas que as dúas anteriores.
  • Por último, e aínda que en menor medida, as dúas referencias que despois das xa citadas máis recollemos foron as que reclaman máis control e vixilancia por parte municipal e as críticas específicas á iniciativa Mercacuntis e á súa xestión.

Estes datos, que son puramente obxectivos, non supoñen en si mesmos unha crítica política ao Goberno Municipal, senón o resultado dun traballo realizado en persoa pero coas limitacións propias destes meses. Servirán de base para as propostas que nas próximas semanas realizará o Veciñanza para a necesaria posta en marcha de medidas de reactivación económica do tecido local.

Á marxe dos propios datos, en opinión de Veciñanza, a principal carencia da xestión municipal reside precisamente na falta de contacto real cos negocios locais, que conleva unha visión da situación que non é precisa e que polo tanto leva a adoptar iniciativas que non parten dunha visión tan amplia e inclusiva como sería preciso.

Share

You may also like...