Aprobadas as mocións presentadas por Veciñanza para axudas a alugueiros e inicio de tramitación do PXOM

O pleno do pasado xoves, 11 de febreiro, aprobou as dúas mocións presentadas por Veciñanza, e que eran os únicos asuntos a tratar dunha orde do día que volveu carecer de iniciativas do resto de grupos, incluído o de goberno. Pero o máis destacable da sesión non foron os contidos aprobados, senón a impresentable e arrogante actitude coa que o Alcalde Manuel Campos dirixiu a sesión. O autoritarismo do Sr. Campos faille crer que as sesións plenarias son momentos nos que unicamente se pode falar do que a el lle resulta cómodo, expoñer os temas que son do seu gusto e manifestar exclusivamente o que é do seu agrado. Cando estas condicións non se dan, agroma unha arrogancia e un estilo brusco que cada vez sorprende menos, pero que resulta desagradable, innecesario e moi pouco respectuoso co resto de grupos. Isto foi o que aconteceu o pasado xoves, con continuas decisións arbitrarias, negando a posibilidade de réplica, interrompendo as quendas de palabra, tratando de vetar os asuntos a expoñer e mesmo recorrendo á mentira e á confusión, como aconteceu na última intervención do noso voceiro Santi Martínez.

Lamentando fondamente o vivido o pasado xoves, así como a actitude autoritaria, impulsiva e aleatoria do Alcalde Manuel Campos, o escaso contido do pleno foi o impulsado por Veciñanza, con dúas mocións que procuraban o acordo do conxunto da corporación para apoiar as emendas teoricamente incorporadas ao documento de orzamentos. Dun lado, o establecemento de axudas ao alugueiro tanto para vivendas como para locais comerciais; da outra, o inicio dos trámites para redacción dun Plan Xeral de Ordenación urbanística que tanto precisa Cuntis. Insistimos no feito de que son dúas medidas presentadas por Veciñanza e aceptadas verbalmente polo PSOE o mes pasado. A sorprendente votación deu como resultado os votos a favor de Veciñanza e do Partido Popular, e a inexplicable abstención do Partido Socialista, que máis que atender ao contido da moción débese á rabecha infantil do Alcalde. Esta é a mostra máis clara da actitude e a responsabilidade de cadaquén.

Na quedan de rogos e preguntas, Veciñanza expuxo dúas cuestións:

a) En relación coas fumigacións desinfectantes que segue a facer o concello de Cuntis polas rúas, o voceiro de Veciñanza Santi Martínez puxo de manifesto as publicacións científicas que cuestionan a eficacia deste método en espazos abertos a día de hoxe. Instou a valorar se o esforzo económico supón un beneficio proporcional. A resposta do Alcalde, como era de agardar, non atende a criterio científico ningún e si máis ao rédito visual que lle pode proporcionar. Aparentar que fai, aínda que non sexa nada.

b) A segunda das cuestións atinxe ao engano acometido por parte do Goberno Municipal con Veciñanza, ao aprobar uns orzamentos que non inclúen no seu desglose de gasto as modificacións pactadas verbalmente. Malia afirmar no propio pleno, e así o recolle a correspondente acta, que aceptaba parte das emendas presentadas, o documento que se atopa a exposición pública é o borrador inicial sen modificar. Independentemente da fiabilidade que poida ter a palabra do Señor Alcalde e o compromiso político do Grupo Socialista, o procedemento administrativo realizado neste trámite é irregular, xa que, entre outras cousas, anula o dereito de calquera particular a formular alegacións contra os acordos que non figuran no borrador inicial (que é o documento aprobado). Durante a exposición deste punto, as interrupcións do Alcalde Manuel Campos foron constantes, tentando primeiro vetar a exposición dun asunto que xa fora debatido nun pleno anterior, e recorrendo posteriormente a falsidades e a confusións interesadas para evitar que este despropósito quedara claramente presentado.

Se ben este último asunto representa unha estafa política grave, a asemblea de Veciñanza acordou finalmente non formular alegación ningunha durante o período de exposición pública. Este feito suporía un atraso na entrada en vigor dos orzamentos e esa corrección non tería ningunha posibilidade de prosperar, xa que o Grupo Socialista non admite ningún tipo de crítica, por moi construtiva que sexa. Valorando estas condicións, e por pura responsabilidade, Veciñanza limitará a súa crítica a este respecto a facela pública. A pesar disto, Veciñanza non deixará de exercer a súa labor de oposición, por máis autoritaria e arrogante que sexa a actitude do Alcalde en determinados momentos.

Share

Tamén pode gustarche...