Resumo do pleno do 27 de maio de 2021

A sesión ordinaria correspondente ao pleno do mes de maio abriuse coa toma de coñecemento da renuncia do voceiro municipal do Partido Popular, que xa fora anunciada na sesión anterior, así como da do seguinte membro da súa candidatura. Como é habitual, practicamente o único contido dos plenos municipais é o que achegan os grupos da oposición, xa que para o grupo de goberno as sesións plenarias son un simple trámite a solventar sen entrar en debate de ningún tipo, nin ofrecer información nin tan sequera responder as cuestións que se lle formulan. O alcalde gusta máis da propaganda en notas de prensa fielmente reproducidas sen cuestionamento de ningún tipo que da exposición de posturas políticas, proxectos ou iniciativas alí onde corresponde, que é o pleno da Corporación Municipal como organismo lexítimo de representación democrática.

Debateuse unha moción presentada polo Partido Popular sobre as trabas no acceso á documentación que nos últimos meses vimos atopando os grupos da oposición, o que supón a dificultade (cando non a vulneración) no exercicio dun dereito dos representantes da Corporación Municipal. Veciñanza votou a favor posto que a exposición da moción axústase á realidade, malia que consideramos que o dereito de acceso á información non é susceptible de ser votado nunha moción, polo que esta non debera ser materia nin tan sequera de discusión política sometida ao criterio da maioría (ou máis ben ao criterio do alcalde imposto cos votos da maioría). O Partido Socialista votou en contra, o cal non ten máis significado que a nula capacidade de autocrítica e de recoñecemento da realidade por parte do grupo de goberno. Veciñanza acordou denunciar ante instancias superiores calquera traba que se lle poña ao lexítimo dereito de acceso á información dos nosos/as representantes na Corporación Municipal.

Na quenda de rogos e preguntas, Veciñanza expuxo as seguintes cuestións.

  • En materia de atención veciñal e calidade democrática, lamentamos que se siga ignorando a xusta reclamación dos veciños/as da Louriña para a reposición da legalidade no Camiño da Misa. Convertemos en rogo que se dispoña o necesario para avanzar no trámite que, agora si, queda reducido a unha cuestión de vontade política. Do mesmo xeito, lamentamos que o Grupo de Goberno omitise o escrito presentado polos veciños/as da aldea de Teaño, que demandaban que fose tratada no pleno municipal a súa histórica reclamación dun servizo municipal básico como é o saneamento. Tanto nun caso como no outro, agardamos que poida haber vontade e investimentos o antes posible para solventar estas dúas cuestións.
  • Puxemos unha vez máis de manifesto a parálise absoluta á que o Goberno ten relegado o Consello Local de Igualdade. Constituído en 2017, a área de Igualdade do actual goberno manteno no esquecemento e non permite que desenvolva as súas funcións. Esiximos que se retome a súa actividade e se dote de funcionalidade real o antes posible.
  • O Goberno Municipal de Cuntis decidiu unilateralmente a supresión das subvencións nominativas correspondentes ao ano 2020 para entidades culturais e deportivas. Ante a nosa pregunta sobre cal era a causa de tal decisión, o alcalde limitouse a dicir que fora unha decisión do grupo de goberno, sen máis motivación, e que se permite a imputación de gastos correspondentes ao ano pasado para a xustificación da subvención nominativa deste 2021. Non ten ningún sentido suprimir as axudas do ano 2020 argumentando unha suposta falta de actividade pero ao mesmo tempo permitir xustificar gastos dese ano. As subvencións nominativas son unha partida do orzamento municipal e un compromiso de financiamento con entidades sen ánimo de lucro que están a dinamizar a nosa vila en distintos ámbitos, e sobre todo que fan un traballo exemplar e desinteresadamente. Parécenos un feito gravísimo que o Goberno Municipal do PSOE decidise suprimir sen aterse a ningún criterio as subvencións nominativas xa comprometidas, e máis grave aínda que non exista máis explicación que a simple imposición unilateral.
  • Ante a realidade económica do Concello, preguntamos se ten pensado o Grupo de Goberno recurrir a algún tipo de mecanismo para solventar o desfase económico das facturas que hai sen pagar e dos incumprimentos das regras fiscais? A resposta do Alcalde Manuel Campos foi unicamente “si”, negándose a definir a que se refire, malia a nosa insistencia para que tanto os membros da Corporación Municipal como os veciños e veciñas de Cuntis poidan coñecer a verdade. A transparencia non é unha característica deste goberno e queda patente en cada pregunta que formulamos.
  • Por último, o noso voceiro municipal preguntou se o Goberno Municipal do PSOE está traballando en materializar os acordos acadados na presentación dos orzamentos municipais en materia de axudas para alugueiros tanto de vivendas como de locais comerciais. O Alcalde recoñeceu que non, algo totalmente previsible dende o primeiro momento.
Share

Tamén pode gustarche...