O problema da vivenda en Cuntis e a parálise do Goberno Local

O anuncio por parte do goberno do Estado dunha futura Lei de Vivenda volveu poñer no foco da actualidade o debate sobre os inaccesibles prezos do alugueiro, unha problemática que tamén atinxe directamente a Cuntis. Malia ser o acceso a unha vivenda digna un dereito contemplado na Constitución Española de 1978, o exercicio deste resulta un deporte de alto risco no contexto de mercantilización extrema de absolutamente todo canto ten a ver coa vida mesma. A necesidade de intervir e regular os prezos do alugueiro resulta unha medida que debera acumular un consenso político incuestionable, pero os representantes dos grandes propietarios (as dereitas parlamentares e os poderes mediáticos sometidos) néganse a cristalizar esa unanimidade.


O municipio de Cuntis atinxía en 1975 unha cota que se achegaba aos 7500 habitantes. A día de hoxe a cifra de empadroados/as móvese arredor dos 4600, acumulando unha década de descenso imparable e presentando datos que empeoran as medias comarcais, provinciais e nacionais. Ademais, hai que engadir que a media de idade de Cuntis non deixa de avenllentarse. Non temos un modelo económico definido, a ausencia dun polígono industrial regularizado e a falta de planificación do sector turístico son unha combinación letal. A carencia de planeamento urbanístico limita as posibilidades de construción de vivenda nova e de fixación de poboación. O progresivo deterioro dos servizos básicos é unha dificultade engadida, senón a maior delas, para poder imaxinar un proxecto de vida en Cuntis. A precariedade dos servizos públicos, o lento despregamento da cobertura de internet e agora tamén o desmantelamento dos servizos bancarios son ingredientes que fan do rural un espazo de subsistencia case heroica a día de hoxe.


O problema do acceso á vivenda acentúase en Cuntis. As dificultades para edificar construción nova debido ás carencias no ordenamento urbanístico antes citadas engádense aos altos prezos do alugueiro, unha realidade dos nosos días á que non é allea a nosa vila. Máis alá das axudas coxunturais que poidan establecerse, como as axudas económicas á natalidade ou á compra de material escolar, temos claro que a natureza do problema é estrutural: as dificultades para desenvolver un proxecto de vida completo en Cuntis, con servizos de calidade, posibilidades laborais e desenvolvemento económico. Neste sentido, a carencia dun Plan Xeral de Ordenación Municipal, así como a situación de irregularidade xurídica do único polígono industrial do municipio, son eivas que impiden reverter o descenso demográfico tan acentuado que padece Cuntis.


Para o Orzamento Municipal de 2021 do Concello de Cuntis foi aprobada unha emenda presentada por Veciñanza para iniciar os traballos de redacción dun novo PXOM, cunha partida específica comprometida polo Alcalde. Ben entrados no último mes do ano, e en tempos xa de comezar a elaboración das contas municipais do vindeiro exercicio, o Goberno Local segue sen situar este asunto como unha prioridade e non hai noticia ningunha a respecto do cumprimento deste acordo. Logo de malgastar máis de 100.000 € en 15 anos (entre os gobernos de PP e PSOE) na redacción dun plan xeral que finalmente foi desbotada, a incapacidade para abordar este problema con solvencia e seriedade segue a estar detrás do devalo económico e demográfico cuntiense.

Dende Veciñanza levamos a cabo nas últimas semanas un traballo de sondaxe dos prezos do alugueiro e da dispoñibilidade de vivenda tanto en Cuntis como en concellos da comarca e cidades máis próximas.

Estes datos son unha mostra aleatoria dos inmobles dispoñibles os seus correspondentes prezos de alugueiro. De entre as conclusións que podemos tirar no caso de Cuntis, cómpre referirnos á escaseza de pisos dispoñibles para o alugueiro na nosa vila e dos elevados prezos da escasa oferta que hai. Esta combinación dificulta enormemente as opcións para vivir no noso concello, o que fai máis urxente a posta en marcha de mecanismos que dinamicen esta situación. A parálise absoluta do Goberno Municipal (tamén) nesta materia indigna aínda máis ao comprobarmos a necesidade real que efectivamente existe.

Share

Tamén pode gustarche...