Pleno do 28 de xullo de 2022

O pleno do xoves 28 de xullo abordou a liquidación do orzamento municipal de 2021 como asunto máis destacado, e único, da orde do día. É o primeiro dende que o Concello de Cuntis se atopa intervido polo Ministerio de Hacienda, logo de ser rescatado debido á descomunal débeda que acumula e ao atraso no Periodo Medio de Pago a Provedores.

Como vén sendo habitual, o Alcalde non intervén nos debates sobre a súa xestión económica, que reflicten os demoledores informes de intervención que fan parte de cada expediente que se debate. No minuto 13:12, o voceiro municipal de Veciñanza Santi Martínez intervén para valorar e expoñer os datos económicos do punto en cuestión: o exercicio 2021 pechouse cunha débeda de facturas impagadas que supera o millón de euros, aínda que parte dese importe foi incorporado ao crédito do rescate. É dicir, onde antes había unha débeda comercial, agora existe esa mesma débeda máis unha débeda bancaria.

Non habendo máis cuestións para o debate, xa que o grupo de goberno non dá conta nos plenos de nada referido coa súa actividade, nin proxectos, nin investimentos doutras administracións, nin novas medidas nin nada… Veciñanza plantexou catro cuestións que se poden seguir no vídeo a partires do minuto 30:14. Entre elas, cómpre destacar a denuncia que facemos sobre o estado das instalacións da piscina municipal e a información (fronte á opacidade do grupo de goberno) sobre a intervención na Burga da Rúa Real do pasado 12 de xullo, que valoramos como unha agresión ao patrimonio público e unha manobra de deslealdade institucional tanto por parte da Xunta de Galicia como da empresa que ostenta o aproveitamento dos recursos termais de Cuntis. Lamentamos tamén a absoluta indiferenza dun PSOE que acumula todas as posicións institucionais que deberan facer un posible un cambio lexislativo para revirar a situación xurídica das augas termais máis favorable aos intereses públicos.

Share

Tamén pode gustarche...