O secuestro das redes sociais do Concello de Cuntis

En setembro de 2018 Veciñanza presentaba no pleno da Corporación Municipal unha moción para mellorar a xestión e a presenza do Concello de Cuntis en internet e nas redes sociais. Un dos puntos instaba concretamente a “Acometer unha xestión profesional, actualizada, seria e rigorosa da presenza do Concello de Cuntis na web e nas redes sociais”. Entendiamos, e seguimos a facelo, que as redes sociais municipais son recursos públicos, xestionados por persoal que percibe un salario do concello, e que polo tanto, o servizo que prestan (como canle de información, comunicación e interacción) é un servizo público. Xa que logo, o que demandamos das redes sociais do concello é que presten un servizo público de calidade, coa maior dignidade e decencia posibles.

“As redes sociais municipais son recursos públicos, xestionados por persoal que percibe un salario do concello”

Lamentablemente os perfís públicos do Concello de Cuntis nas redes sociais, e nomeadamente o Facebook, que é o que máis tráfico, seguimento e interaccións xera, atópase nunha situación ben afastada do que podemos entender como un servizo público digno e de calidade. Ben ao contrario, atópanse secuestradas polo interese político do goberno municipal e máis concretamente adicadas á promoción persoal da figura do Alcalde. Nunha simple revisión das publicacións durante as últimas semanas atopamos algúns patróns que se repiten:

  • Entidades, colectivos e asociacións que se queixan porque o Concello de Cuntis anuncia as súas actividades sen citalas e apropiándose dunha axenda cultural que impulsa o tecido asociativo pero que se difunde confusamente simulando que é a administración local quen organiza.
  • Ningún tipo de criterio á hora de publicar ducias de fotos e vídeos duns eventos e omitir totalmente outros, sen atender nin á repercusión que poidan ter nin a ningún outro elemento obxectivo.
  • Ningún tipo de criterio á hora de atender os comentarios e mensaxes. As únicas respostas son a algúns comentarios positivos. As críticas nin se contestan nin se atenden. Uns si e outros non segundo a cantidade de likes e corazóns que deixen.
  • Uso abusivo das redes municipais para a promoción e difusión da propaganda da Alcaldía, sometidas á promoción da figura persoal do Alcalde. Este uso acada cotas de ridículo mediante a implementación nas últimas semanas da fórmula “o noso alcalde”, como suxeito de todas as publicacións independentemente de cal sexa o contido a transmitir.

“secuestradas polo interese político do goberno municipal e máis concretamente adicadas á promoción persoal da figura do Alcalde”

A propaganda abusiva como eixo central da acción de goberno e o despilfarro de fondos públicos para subvencionar directa e irregularmente medios de comunicación compleméntase co secuestro das redes sociais do concello. Isto representa un feito máis grave aínda na medida na que se dana a prestación dun servizo público.

“Este uso acada cotas de ridículo mediante a implementación nas últimas semanas da fórmula ‘o noso alcalde’, como suxeito de todas as publicacións independentemente de cal sexa o contido”

As redes sociais do Concello de Cuntis non son unicamente unha canle de comunicación e difusión, convertidas agora no órgano de propaganda do Alcalde de Cuntis. Debemos ser conscientes de que son a cara que, dende calquera parte do mundo, se lle ve a Cuntis. Como nos presentamos ante o mundo e como estamos no mundo, no virtual, máis aló dos nosos límites xeográficos. Xestionar as presenza nas redes sociais cun mínimo de profesionalidade e rigor non é só a demanda de contar cun servizo público de calidade, é tamén unha cuestión de responsabilidade e coidado da imaxe. É a liña que separa presentarnos ante o mundo como un concello moderno, serio e atractivo ou quedármonos na mediocridade, na vulgaridade e na frivolidade.

Share

Tamén pode gustarche...