Pleno do 28 de setembro de 2022

O pasado mércores día 28 celebrouse a sesión ordinaria do pleno correspondente ao mes de setembro. O PSOE aprobou en solitario dúas modificacións de crédito, así como outros dous recoñecementos extraxudiciais vinculados a cada unha das anteriores, para poder pagar facturas pendentes. No primeiro dos casos, con cargo ao remanente de tesouraría do ano pasado e para afrontar débedas anteriores ao 30 de xuño de 2021 que non foron incluídas no crédito extraordinario do Plan de Pago a Provedores imposto polo Ministerio de Hacienda. A segunda das transferencias de crédito realizábase sobre partidas do Orzamento en vigor do presente exercicio. Tal e como explicou o noso voceiro, Santi Martínez, comezando o último trimestre do ano e cando deberamos estar falando das liñas do presuposto do 2023, o Goberno Local do PSOE ten que aplicar modificacións no orzamento que elaborou hai poucos meses para facerlle fronte ao descontrol económico da súa propia xestión.

Foron aprobados tamén os festivos locais para o ano 2023 (que serán o 11 de xullo e o 18 de agosto) e o Plan Municipal de Prevención de Incendios. Na quenda de rogos e preguntas expuxemos as seguintes tres cuestións:

  • Necesidade de reparar estruturalmente a fonte da Praza das Árbores, prestando máxima atención ao seu carácter de ben patrimonial. A fonte leva días vertendo auga por unha fenda e presenta roturas con demasiada frecuencia.
  • Preguntamos tamén pola previsión de recadar os 160.000 € en concepto de ICIO que figuran nos Orzamentos Municipais debido á instalación de novas empresas no Polígono Industrial da Ran. O Alcalde limitouse a contestar que esa cifra é so “unha previsión”.
  • Finalmente, fixemos mención ao uso indebido que durante o verán se veu facendo dos perfís en redes sociais do Concello de Cuntis, adicados á promoción política do grupo de goberno e da figura persoal do Alcalde. Fixemos un chamamento á responsabilidade e ao respecto da imaxe da institución.

Cómpre sinalar a absoluta falta de respecto que seguen a demostrar o Alcalde e o Grupo Socialista ao non participar nos debates dos puntos a tratar, así como a non responder practicamente ningunha pregunta das que realizamos os grupos da oposición. A arrogancia coa que actúa o Alcalde é só comparable á súa ineptitude.

Share

Tamén pode gustarche...