Prioridades – Programa electoral

As liñas programáticas coas que Veciñanza se presentou ás eleccións de 2015 seguen invariables na medida na que son principios políticos e demandas prioritarias no noso municipio.

Cada euro público que se invista debe ter garantida unha repercusión positiva, polo que priorizar as necesidades básicas no manexo dos fondos públicos é irrenunciable nunha xestión minimamente sensata. A participación democrática para seleccionar onde se prioriza, alén das necesidades básicas xa citadas, é o segundo dos piares da xestión pública na que cremos. A terceira é a transparencia, a posta a disposición das contas públicas para que sexan de fácil acceso e coñecemento para os veciños e veciñas.

Tal e como enunciabamos no nos programa electoral, seguimos a crer nun modelo que contemple:

  • As Xuntas Parroquiais, con carácter estable e decisorio, de participación aberta.
  • Os Orzamentos participativos, cos que unha parte do investimento público sexa decidido directamente polos veciños e veciñas, en función das posibilidades reais, para priorizar aquelas necesidades máis inmediatas.
  • A descentralización do Concello, na que cunha determinada periodicidade a administración local se achegue ás parroquias para facilitar trámites, consultas, queixas, suxestións, etc.
  • Un Regulamento de participación veciñal, na procura de normalizar as intervencións de todos/as nas sesións plenarias e na vida institucional
  • Os Consellos Municipais Sectoriais, para consultar e decidir en todos os ámbitos (económico, cultural, deportivo, etc).

No relativo ao noso municipio, sinalamos como eixos de desenvolvemento o impulso ou resolución das seguintes cuestións:

  • Desenvolvemento e posta en funcionamento do Polígono Industrial da Ran.
  • Aprobación do PXOM.
  • Posta en servizo do Centro de Día.
  • Potenciamento da marca “Cuntis” en todas as súas posibilidades. Impulsar a declaración de ‘Municipio de Interese Turístico’.
  • Activación de iniciativas que promocionen a compra e consumo en Cuntis, facilitando a mobilidade e as posibilidades de estacionamento para quen se achegue.
  • Atención prioritaria nos orzamentos municipais para as partidas de servizos sociais.
  • Cesión do Centro de Saúde á Xunta de Galicia para que esta se faga cargo do seu mantemento.
  • Mellora da accesibilidade no Centro de Saúde e demais edificios e espazos públicos.
  • Asegurar a dispoñibilidade dun mínimo de tres consultas médicas os cinco días da semana.
  • Máxima colaboración con toda a comunidade educativa, situando as súas demandas como prioridades e establecendo unha coordinación permanente para que o Concello se implique en todo o necesario.
  • Ampliación do programa Cuntilín de conciliación da vida laboral e familiar.
  • Posta en funcionamento dunha Escola Obradoiro que oferte formación laboral aos mozos/as.
  • Identificación e sinalización de todas as aldeas e núcleos de poboación do Concello.
  • Posta en valor do patrimonio natural e bens culturais mediante a creación e conservación de rutas de sendeirismo.
  • Promover iniciativas de aproveitamento sostible do sector forestal e agrogandeiro.
  • Fomento de políticas activas de protección do medio ambiente, priorizando o saneamento e a xestión de augas.

O desenvolvemento económico de Cuntis, o potenciamento do comercio local, o impulso das nosas capacidades turísticas, a aposta irrenunciable polo emprego, polos servizos sociais, polas oportunidades que ofrece o noso rural e o sector forestal son os principios básicos do modelo de municipio ao que Veciñanza aspira.

Veciñanza concibe o municipalismo como o instrumento máis inmediato para a mellora das nosas condicións de vida e para a apertura de posibilidades de transformación.