Veciñanza por dentro: funcionamento

A estrutura interna de Veciñanza xira arredor da Asemblea, que se reúne periodicamente e que discute e decide os asuntos de maior relevancia. A asemblea é aberta, celébrase no noso local social (Rúa Circunvalación, 39 – Cuntis) e a ela pode asistir quen así o desexe. O funcionamento orgánico de Veciñanza abórdase dende tres áreas: Organización, Administración e Comunicación.

cooperaciónA área de Comunicación é a encargada de difundir a actividade de Veciñanza, así como de xestionar os perfís en redes sociais e todas as demais tarefas que lle son propias. A área de Administración xestiona todo o relacionado coa burocracia e as finanzas da agrupación. Organización é a parte que se ocupa das convocatorias de asembleas, ordes do día, coordinación dos grupos de traballo, etc. Calquera persoa que participa na Asemblea de Veciñanza pode dirixirse a esta área para propoñer un asunto a debater nas sesións, formulando a súa inclusión na correspondente orde do día.

Os Grupos de Traballo son grupos abertos que se reúnen periodicamente, que contan cun/cunha coordinador/a, e nos que pode participar quen así o desexe. Teñen un número de integrantes estable pero calquera pode asistir puntualmente. Traballan con ideas, suxesións, queixas ou proxectos que responden ás necesidades e problemas dos veciños/as tanto da vila como de todas as aldeas, canalizan a participación veciñal e trasladan á Asemblea ou ao Grupo Municipal para desenvolver segundo corresponda. Teñen autonomía de funcionamento, supeditada sempre á soberanía da Asemblea. Os eixos do traballo nos grupos son a participación democrática, a operatividade, a transparencia, a eficacia e a responsabilidade en sintonía cos principios que rexen a Asemblea de Veciñanza. Distínguense os seguintes grupos:

  • Grupo de Medio Ambiente, Rural e Forestal.
  • Grupo de Infraestruturas, Obras, Servizos, Conservación e Mantementos.
  • Grupo de Cultura, Deporte, Educación, Patrimonio e Dinamización Turística
  • Grupo de traballo Institucional, vinculado ao Grupo Municipal, que asume o resto de campos de traballo nos que existen competencias municipais (tales como economía, facenda, emprego, urbanismo, industria, etc…)

Esta é unha estrutura pensada para abordar todas as materias con eficacia e axilidade, de utilidade para canalizar a participación e que se asenta nos principios asembleares a todos os niveis.